Así podería ser o novo Ferrol Vello
O pasado luns 11 de xaneiro daban comezo en Ferrol as obras de reurbanización da rúa Espartero, no histórico barrio de Ferrol Vello. A obra de reurbanización é a grande aposta do Concello de Ferrol, xunto coa xa desenvolvida en Carmen Curuxeiras e a vindeira na rúa San Francisco para a recuperar o barrio que deu orixe á cidade.
O proxecto de reurbanización de Espartero contempla a renovación completa da rúa neste tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Eliminaranse as beirarrúas, cunha plataforma única, diferenciando o pavimento entre peóns, con lousas de granito, e vehículos con lastro. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto non haberá esa distinción empregándose só lousa de granito. O resultado será unha pequena praza na que se van plantarán tamén árbores de gran porte.
Na obra aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as instalacións de saneamento, abastecemento de auga, faranse canalizacións para soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado na liña do resto do barrio. O resultado podería ser un modelo para a recuperación doutras rúas do barrio.
O futuro de Ferrol Vello, un dos barrios historicamente máis maltratados da cidade
E é que se trata, tal e como afirmaba o concelleiro de Urbanismo Julián Reina, da recuperación do barrio “onde naceu a nosa cidade”. Para isto agárdase que vaian da man as iniciativas que se desenvolven no eido residencial coas que o Concello acomete nos espazos públicos. É por isto polo que se continuarán a desenvolver, segundo se afirma, as obras de reurbanización que estaban previstas no Plan Especial de Ferrol Vello.
Con isto agárdase darlle un pulo importante ó barrio para continuar animando á xente “a apostar por vivir nel”. Trátase de que, “como pasou en Canido, Ferrol Vello tamén acabe por estar de moda”. A intención é que se perciba unha mellora importante tanto na parte privada como na pública, creando espazos públicos “dotacionais, verdes, libres” e próximos a servizos e que acompañen á iniciativa de rehabilitación.
Trátase de que Ferrol Vello “sexa redescuberto e para que a iniciativa privada dea un paso á fronte e se volva habitar”, como pasou noutros sectores da cidade. Esa é a proposta coa que, segundo o concelleiro, se concorreu ás eleccións, seguindo o camiño do Plan de Humanización de Barrios. Dende o Concello, aspírase a “deixar unha fonda pegada neste barrio”. A estas intervencións haberalle que sumar ás melloras que vai facer o Porto no edificio da Autoridade Portuaria e no de Aduanas.
A intervención na rúa Espartero estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ó abeiro da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. No proxecto investiranse 620.197,36 euros, dos que 496.157,89 corresponden a fondos europeos e 124.039,47 a unha achega do Concello.