fbpx
Necrópole megalítica dos Lagorzos, en Becerreá, desfeita por maquinaria pesada dunha plantación forestal / Patrimonio dos Ancares

Os efectos das Plantacións de piñeiros e eucaliptos: seis mámoas desfeitas en tres anos nos Ancares

Tempo de lectura: 2 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares denunciou ante o SEPRONA da Garda Civil e a Xunta de Galicia a gravísima agresión a unha mámoa da necrópole megalítica dos Lagorzos, entre as parroquias de Cadoalla e O Cereixal, en Becerreá. Maquinaria pesada pasou por riba do túmulo, causándolle profundos sucos que afectaron gravemente á masa tumular deste enterramento de 18 metros de diámetro. Todo apunta a que o atentado foi ocasionado por unha máquina que está a facer traballos de tala de piñeiros nas inmediacións.

Esta medorra atópase a carón da estrada provincial LU-0708, que comunica Becerreá con Louxas (A Fonsagrada). Neste traxecto, as desfeitas contra este patrimonio arqueolóxico son constantes. No mes de decembro de 2016 este colectivo denunciou a construción dun silo para plásticos agrícolas sobre unha medorra do Peredelo que despois de varios intentos conseguiron que o sacaran. En agosto de 2018 denunciaron o arrase total por unha plantación de eucaliptos de dúas mámoas do grupo da Campa das Penas. En febreiro de 2019 tamén a destrución, a raíz dunha tala de piñeiros, dun túmulo na Campa do Gaiteiro. En marzo de 2019 tocoulle a un enterramento do Chao do Marco sobre o que depositaron varios camións de esterco. En maio de 2019 puxemos en coñecemento de Patrimonio a agresión, tamén por unha tala de piñeiros, da mámoa da Bandeira á que lle ocasionaron sucos de máis de dous metros de ancho e un de profundidade. E en febreiro de 2020 foi a destrución do impresionante enterramento do Alto do Restelo, cando as máquinas, por outra tala de piñeiros, arrasaron a mámoa e o dolmen que había no seu interior.

O atentado tamén llo imos comunicar ao Concello de Becerreá xa que, tal como recolle a Lei do Patrimonio Cultural, ten a obriga de poñelo en coñecemento da Administración correspondente, neste caso á Xunta de Galicia que ten todas as competencias en materia de Patrimonio.

Nos últimos anos estamos a asistir a unha auténtica desfeita patrimonial, causada principalmente por empresas madeireiras que, ademais de destrozar os camiños, que non reparan, e enzoufar as estradas, que non limpan, destrúen o patrimonio, polo que xa vai sendo hora de que as Administracións responsables actuén con contundencia, co que bastaría, simplemente, que aplicaran a Lei que elas mesmas promulgan.

Pode que che interese...