Pontevedra cambia o nome da rúa Juan Carlos I pola da exiliada galeguista Virxinia Pereira
“Nomenclaturas públicas que teñen valores absolutamente democráticos”. Así é para as asociacións de Memoria Histórica e en concreto para a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), o cambio de nome da rúa Juan Carlos I de Pontevedra. Cambia polo dunha muller galeguista que defendeu a memoria democrática de Galicia dende o exilio: Virxinia Pereira Renda.
Pois o pleno da corporación municipal de Pontevedra decidiu retirar a Juan Carlos I do seu rueiro e substituílo polo de Virxinia. Foi ó considerar que “o emérito non merece unha rúa en Pontevedra e é de xustiza retirarlla. E que mellor para hixienizala que Virxinia ocupe o lugar que deixa”, tal e como xustificaba Carmen Fouces, edil de Cultura, a decisión.
Para a concelleira, trátase dunha muller “que sacrificou unha vida cómoda por loitar por unha Galicia libre, próspera e sen rei”. Unha muller que dende o exilio defendeu o legado de Castelao e que en Galicia conseguiu que a súa obra estea hoxe depositada no Museo de Pontevedra.

Virxinia Pereira e Castelao en 1912 / foto PD
Recoñecemento ás vítimas ou falta de recpecto?
A iniciativa foi apoiada no pleno polos dous partidos do goberno municipal BNG e PSOE. Os edís do Partido Popular e o concelleiro non adscrito votaron en contra da proposta. Dende o PP denuncian que no Concello dediquen o seu tempo para “faltar al respeto ó monarca” e lembraron como a corporación declarou persoa non grata ó expresidente M. Rajoy.
Pola súa parte dende a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) afírmase que é relevante que se cambie a un “monarca corrupto” por unha muller con valores republicanos e que loitou ata no exilio polos dereitos de Galicia. Segundo o colectivo trátase dun recoñecemento ás vítimas do Franquismo e un novo paso para avanzar na lembranza da historia dende unha perspectiva de xénero.

Virxinia e o seu fillo Alfonso Xesús / foto PD