Seguen os achados no interior Meirás: atopan a pía dunha igrexa de Segovia
A pía bautismal da igrexa parroquial de Frumales, na provincia de Segovia. Este é o novo ben patrimonial desaparecido ata o de agora e recoñecido tras o inventario do Pazo de Meirás. Trataríase dunha pía retirada en 1958 tras unha visita de Carmen Polo e que unha xornalista de La Voz de Galicia tería recoñecido por ter raíces nesta vila segoviana. Aínda que non está polo de agora confirmado polos expertos, parece que se trata da mesma pía. A xornalista tería investigado e reconstruída a historia da súa posible subtracción pola muller do ditador.
Porén non é o único caso coñecido. Pois tras a publicación do inventario recoñeceuse tamén en Meirás mobiliario presuntamente procedente do Palacio Real de Madrid. Trataríase dunha pantalla de cheminea tapizada en seda, de 1880, un sofá de talla dourada e unha vitrina, ambos de antes dos anos 30 procedente do recibidor da raíña Victoria Eugenia, un sofá de caoba, un conxunto de escritorio e cómoda da segunda metade do século XVII, posiblemente do ebanista francés Claude-Charles Saunier, así como varios libros e almanaques da época de Alfonso XII.