30 rutas para descubrir e valorar 150 dos mellores cruceiros de toda Galicia
Fai 70 anos Castelao publicaba “As cruces de pedra na Galiza”, obra pioneira e tamén cimeira da investigación sobre os cruceiros galegos. Con motivo deste 70 aniversario o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Amigos do Cruceiros, Cruces de Pedras e Petos de Ánimas presentan o proxecto ‘Cruceiros de Galicia’, unha iniciativa que agrupa preto de 150 cruceiros galegos en 30 rutas por todo o territorio galego.
Con el preténdese dar a coñecer centenar e medio dos cruceiros máis representativos do territorio galego. A iniciativa, enmárcase dentro do ‘Proxecto Roteiros’ do CCG para difundir itinerarios culturais. Foi presentado o pasado xoves na sede do Consello pola súa presidenta, Rosario Álvarez, o presidente de Amigos dos Cruceiros, Fernando Arribas e o técnico do CCG e responsable do proxecto, Manuel Gago.

Cruceiros / foto Consello da Cultura Galega
Poñer na axenda cultural o excepcional valor dos cruceiros
“Esta iniciativa pretende poñer na axenda cultural o valor artístico e patrimonial dos cruceiros, que habitualmente pasan desapercibidos, aínda que un tipo de ben moi espallado pola xeografía galega e moi asociado coa nosa identidade”, tal e como aseguraba Rosario Álvarez.
Os roteiros “están pensados para poder facerse nunha mañá e poden ser complementados coa exploración do resto do territorio, e dos outros roteiros dispoñibles na nosa plataforma” explicaba Manuel Gago. Ademais, puntualizou que, “aínda que na rede hai bastante información de cruceiros, a posibilidade de coñecelos de xeito estruturado en rutas accesibles e interesantes para todos os públicos supón unha certa novidade”.
No marco dos roteiros poderanse coñecerse 150 bens, que responden a diferentes características e “aínda que todos se parezan non hai dous cruceiros iguais” afirmaba Fernando Arribas. Dende o pasado xoves, cada segundo xoves de mes, publicarase un novo roteiro. O primeiro dos itinerarios propostos permite visitar os calveiros da Terra Chá, a comarca con maior número deste tipo de construcións da provincia de Lugo.

Cruceiro de Troña / foto turismo.gal
A súa orixe tras outra pandemia
“No século XIV, en plena peste de 1364, a xente empezou a buscar a salvación da súa alma na oración que motivou a proliferación destas construcións”, tal e como investigou Arribas, pois teñen unha inequívoca intención relixiosa xa que “sempre se poñen por devoción”. Ademais, entre 1545 e 1563 a Igrexa celebrou o Concilio de Trento en que establece o purgatorio e iso implica un aumento da relixiosidade e da devoción.
“Nese momento, explica Arribas, a xente empezou a levantar cruceiros para rezar pola súa alma, de aí que os cruceiros se puxeran nas encrucilladas dos camiños, nos adros e nos lugares por onde pasaba a xente e podía rezar”. Arribas tamén puntualizou que a súa construción non é tan popular como se pensaba, xa que só determinadas clases sociais podían custeala.
Fernando Arribas citou tamén a coñecida obra de Castelao, que explicou por qué os cruceiros, non sendo galegos, se adaptaron moi ben á idiosincrasia galega. “Dicía Castelao que é un monumento onde todo o mundo saía beneficiado: quen o mandaba construír porque está rezando pola súa alma, o que reza porque tamén salva a súa alma e a do promotor, e os bispos e canteiros porque recibían cartos”, explicou.

Primeira xornada do proxecto / foto Consello da Cultura Galega
2021 un ano para os cruceiros
Ademais da súa visibilidade, este proxecto tamén pretende sensibilizar sobre a súa necesidade de protección. Tal e como apuntaba Arribas, a lexislación actual recoñece como Ben de Interese Cultural, de maneira xenérica, todas as construcións anteriores a 1901. Para el este criterio é arbitrario e deixa fóra moitos bens, polo que compre clarificar a súa situación de cara á súa protección.
Ademais a proposta destes itinerarios culturais forma parte dun proxecto máis amplo sobre o que traballan o Consello da Cultura Galega e a Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedras e Petos de Ánimas. Rosario Álvarez avanzou que “estes roteiros abren unha serie de actividades que se estenderán ata o ano 2022 en que ambas as dúas entidades promoveremos un grande encontro para que se poñan en común as últimas investigacións e estudos sobre eles”.
O Proxecto Roteiros do Consello da Cultura Galega trátase dunha iniciativa que botou andar no ano 2009 e pretendía conciliar cultura letrada e novas tecnoloxías para difundir itinerarios culturais polo país. Comezaron con tres itinerarios dedicado a Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal e foi medrando ata acadar máis dunha trintena de propostas, dende Álvaro Cunqueiro a Alfonso X.