fbpx
Imaxe cenital da muralla do Castro Valente / foto Castelos no Aire

Así se ve a muralla de Castro Valente, o xacemento chave para entender a nosa historia ameazado polos eólicos

Tempo de lectura: 2 min.

A vista cenital da muralla da fortaleza do Castro Valente, unha fortaleza altomedieval localizada entre os concellos da Estrada e Padrón. Esta é a imaxe que o grupo de investigación Castelos no aire achegou a través das súas redes sociais sobre a sondaxe feita en decembro do pasado ano 2020. Nela púidose comprobar in situ a presenza deste tramo de máis de 2 metros de muralla xunto co esquinal dunha das torres defensivas.

A escavación, que estivo dirixida por Fernández-Pereiro, a través da empresa Tempos Arqueólogos, veu de apuntalar a hipótese dun gran recinto con ata 30 torreóns. Tamén unha muralla dunha extensión de 1,2 quilómetros que fecharía unha superficie de 11 ha. Sería, polo tanto unha excepcional fortaleza, practicamente única en Galicia e só comparable coa muralla de Lugo.

O xacemento de Castro Valente en Padrón / foto obaixoullagal

Mais o xacemento non é só importante polas súas dimensións senón tamén como testemuña histórica dun momento chave para entender a historia de Galicia. Pois trataríase dunha das antigas fortificacións altomedievais que, segundo están a estudar dende o proxecto Castelos no aire, organizarían política e socialmente o territorio galego durante todo o século V, un dos momentos máis descoñecidos da nosa historia. Trataríase dese excepcional momento no que se colocarían os alicerces da evolución social, política e económica da Galicia da Idade Media e até os nosos días.

Imaxe cenital da muralla do Castro Valente / foto Castelos no Aire

Porén este singular xacemento atópase na actualidade ameazado. Pois na súa contorna está proxectada a construción dun parque eólico de Iberdrola Renovables Galicia S.A., composto por catro grandes aeroxeradores de máis de 150 metros, localizados, algún deles, a menos de 260 metros do xacemento. Un lugar onde se atopa unha das chaves para entender o pasado da nosa historia, e do que este anaco de muralla que pode verse na imaxe é unha testemuña excepcional.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: