Desfeita en Campo Lameiro: riscan cunha pedra varias representacións | Historia de Galicia
Zoomorfo riscado de Campo Lameiro / foto Concello de Campo Lameiro

Desfeita en Campo Lameiro: riscan cunha pedra varias representacións

Tempo de lectura: 2 min.

Dous importantes petróglifos danados pola acción vandálica de descoñecidos que raiaron cunha pedra parte destas emblemáticas representacións. Esta é a nova que deu a coñecer o Concello de Campo Lameiro na tarde de onte. Os petróglifos da estación rupestre da Laxe da Rotea de Mendo, no lugar de Lameiro, na parroquia de San Miguel de Campo, apareceron riscados e remarcados por unhas pedras de xeito abrasivo e con graves danos para estas manifestacións da nosa prehistoria.

Os feitos provocaron a indignación da alcaldía e das veciñas e veciños que tiveron coñecemento destes feitos. O alcalde, Carlos Costa, no mesmo momento de ter coñecemento do suceso trasladouse ata o lugar para coñecer de primeira man o alcance dos danos producidos e poñelos de inmediato en coñecemento da Garda Civil e da Dirección Xeral de Patrimonio.

Tal e como se deu a coñecer dende as redes, o equipo de Goberno solicita a colaboración cidadá para localizar ós autores deste acto vandálico. Condenouse tamén sen paliativos os feitos e agárdase que en breve os responsables sexan postos a disposición das autoridades para que sexan sancionados convenientemente.

Laribinto riscado en Campo Lameiro / foto Concello de Campo Lameiro

De feito, dende o Concello recordábase que esta estación rupestre, ó igual que outras tres máis como son Chan da Lagoa, Campo de Matabois e Pedra da Serpe, foron obxecto dunha intervención de conservación e posta en valor por parte do Concello grazas a unha subvención de preto de 4.000 euros da Deputación e outros 21.000 da Vicepresidencia da Xunta de Galicia o que vén a provocar un maior rexeitamento por parte dos responsables municipais.

Pola súa parte dende o Parque Arqueolóxico Arte Rupestre de Campo Lameiro solicitouse a colaboración da cidadanía para localizar os autores deste acto vandálico ao patrimonio arqueolóxico galego. Aproveitouse tamén para lembrar que os petróglifos teñen a categoría de Bens de Interese Cultural, a máxima categoría que establece a Lei de Patrimonio de Galicia, xa que son moi fráxiles ante calquera acción, como remarcar os sucos dos gravados.

Zoomorfo riscado de Campo Lameiro / foto Concello de Campo Lameiro

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: