fbpx
Desfeita na mámoa e destrozos na contorna dos petróglifos fotos Colectivo a Rula

Nova desfeita dunha mámoa e petróglifos en varias plantacións de eucaliptos na Baña

Tempo de lectura: 2 min.

Unha nova mámoa e unha estación de petróglifos, estas son as vítimas dunha nova plantación forestal, previsiblemente de eucaliptos, no concello da Baña. Trátase, tal e como denunciaron unha vez máis dende o Colectivo A Rula, da Mámoa do Campo Redondo (GA15007024) e os petróglifos do Cruceiro Grande.

A mámoa está catalogada e ben xeolocalizada, pero aínda así foi afectada polos traballos forestais. E é que toda a parcela na que se atopa a mámoa de Campo Redondo foi subsolada para a súa inminente plantación. Esta plantación, tal como pode comprobarse nas imaxes achegadas polo Colectivo, atópase literalmente sobre a mámoa, estragando a elevación e, como é obvio, sen ningunha clase de control arqueolóxico.

Mámoa subsolada para unha plantación de eucaliptos na Baña / foto Colectivo A Rula

Ademais na plantació o PBA indica outro ben catalogado, os petróglifos do Libreiro, que non se se atopan no lugar indicado no visor. O que si pode atoparse a uns 1.400 metros ó sur da desfeita son os petróglifos do Cruceiro Grande tamén afectados por outra plantación.  De feito o propio entorno destes petróglifos sufriu tamén estes días a agresión por outros traballos forestais nos que se empregou maquinaria de gran tonelaxe deixando desfeitas gran cantidade de rochas na contorna.

O noso patrimonio está a esmorecer diante dos nosos ollos por estarse a realizar actividades de plantación sen ningún tipo de control nin previo nin posterior”, afirman dende o Colectivo. “A maquinaria empregada na xestión do monte, ‘moe’ o medio, ‘monda’ a pedra e ‘tritura’ ecosistemas. Todo queda reducido á nada. Penedas amoreadas, rochas esfareladas, para servizo dunha eucaliptización estéril e ruinosa. Mentres petróglifos e mámoas desaparecen para nunca máis”.

Pode que che interese...