O Picudo Vermello xa ameaza as palmeiras dos espazos históricos de Santiago
O Picudo Vermello, ou Rhynchophorus ferrugineus, o escaravello que está a acabar coas palmeiras de todo o sur de Galicia, xa ameaza ós exemplares de espazos históricos de Santiago de Compostela. Entre eles os magníficos exemplares de Carreira do Conde, ó pé da Alameda de Santiago de Compostela, así como en varias en lugares públicos e mesmo fincas privadas da cidade, entre elas a finca do Arcebispado, tal e como informou La Voz de Galicia.
É precisamente por isto que o Concello de Santiago está a establecer vixilancia e un control estrito para que o escaravello non invada os principais exemplares do concello. De feito a praga xa está presente nunha das palmeiras de Carreira do Conde, que xa comezou a perder parte das súas follas, outro exemplar no Camiño Francés e varios en fincas privadas. Todas elas están sendo vixiadas para evitar a súa perda.
Unha consecuencia do boom do ladrillo
E é que Santiago súmase así a longa nómina de Concellos que se están a enfrontar ó Picudo. O escaravello comeza por deixar as palmeiras “calvas”, coa súas follas superiores marchiñas ou desaparecidas, ata estenderse e matar o exemplar. O escaravello xa está estendido por todo o sur e oeste de Galicia, dende Carballiño ata Ferrol.
O picudo foi detectado por primeira vez en Galicia no ano 2013, no concello de Gondomar, poñéndose naquel momento en corentena pola UE. Á súa vez o escaravello, segundo parece, foi introducido en Europa na década de 1990 por Motril, Granada, cando, en pleno boom da construción comezáronse a importar palmeiras que procedían do norte de África.
A praga está a afectar, de feito significativo, a todo o occidente atlántico e o Mediterráneo, dende África ó norte de Europa. O picudo está a pór en perigo tamén ecosistemas coma os oasis africanos, así como exemplares de moitos xardíns históricos europeos.
De feito en Galicia a praga levouse por diante palmeirais enteiros como o da praza das Palmeiras da en Gregorio Espiño de Vigo ou as da praza dos Olmos de Vilanova de Arousa. Ameazou tamén, como xa contamos no ano 2019, o excepcional palmeiral dos xardíns de Méndez Núñez da Coruña ou o dos xardíns históricos de Pontevedra. A rápida acción destes dous últimos Concellos conseguiu evitar polo de agora grandes perdas.