fbpx
Cruceiro de Casas Novas en Pontevedra antes de ser esnaquizado polo tráfico / foto patrimoniogalego.net

Pontevedra restaurará outro cruceiro esnaquizado polo tráfico

Tempo de lectura: 2 min.

En abril de 2017 unha saída de vía dun vehículo, unha vez máis, acabou esnaquizando un singular cruceiro na parroquia pontevedresa de Mourente. O cruceiro, chamado de Casas Novas, que se atopaba catalogado e é Ben de Interese Cultural, partiu o fuste e foi desmontado ante o risco de que o capitel se precipitase ó chan.

Agora a Concellaría de Urbanismo e Patrimonio Histórico de Pontevedra, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, vén de dar comezo ós traballos para restaurar e volver colocar no lugar o cruceiro de Casas Novas. Porén o cruceiro instalarase nunha nova localización, máis afastada do tráfico, para o que conta con autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

Pois a partires do accidente, ademais da restauración da peza tamén se puxo en riba da mesa, por parte da Asociación de Veciños, a necesidade de colocalo nun lugar máis afastado da estrada, de cara a evitar novos problemas e garantir a súa correcta conservación.

Daquela o Concello solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio trasladar o cruceiro de lugar, petición que foi aceptada pero condicionada a que o cruceiro se manteña na mesma área. Para cumprir este requirimento, un veciño cedeu parte dunha finca particular, localizada a uns metros da situación orixinal.

No desenvolvemento dos traballos a brigada municipal, tivo que retirar a rocha que servía de base ó cruceiro da beirarrúa na que estaba localizado, para trasladala á nova localización, deixando o espazo arranxado e creando un itinerario peonil máis accesible e seguro. Ademais estase acondicionando a finca na que se instalará o cruceiro que, mentres este está sendo restaurado por parte dunha empresa especializada en traballos arqueolóxicos.

Parcela na que se localizará o cruceiro / foto Concello de Pontevedra

A segunda recuperación dun cruceiro na mesma parroquia

A reposición do cruceiro de Casas Novas vén sumarse á rehabilitación do cruceiro do adro da igrexa tamén na parroquia de Mourente, que se levara a cabo no outono de 2019. Neste caso, tamén se recuperara a rasante orixinaria do cruceiro, isto é, os tres chanzos do basamento, xa que o primeiro dos chanzos permanecía enterrado pola capa de asfalto do adro da igrexa.

Ademais o Concello solicitara tamén, perante a Dirección Xeral de Patrimonio, autorización para un pequeno desprazamento na localización do cruceiro, pero manténdoo dentro da mesma área. No remate das obras, a veciñanza colocara no interior do basamento unha “capsula do tempo” cun documento no que se recollía o ‘fito’ tanto da recuperación da fisonomía orixinal como do desprazamento.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...