fbpx
Castro de Viladonga, en Outeiro de Rei / fotoxunta.gal

Queres coñecer a Vía Rexia, o camiño que entra en Lugo dende o castro de Viladonga?

Tempo de lectura: 2 min.

O tramo do Camiño de Santiago que une o Castro de Viladonga coa cidade de Lugo é o protagonista dunha nova exposición no Museo do castro, coincidindo co 50 aniversario do inicio das escavacións. A mostra Itinerario do Camiño Real do Norte. Do Castro de Viladonga a Lugo é unha aproximación ó patrimonio cultural e natural deste importante itinerario.

A Vía Rexia, é un percorrido do Camiño Real empregado polo Camiño de Santiago na súa ruta primitiva. O camiño, nomeado deste xeito, parte dende as inmediacións do castro de Viladonga e entra na cidade de Lugo a través da ponte da Chanca, atravesando lugares como Ludrio, Duancos, Mondriz ou os Lagos de Teixeiro.

Unha ruta entre dos excepcionais monumentos

A mostra afonda no intenso traballo de escolma bibliográfica e investigación histórica, así como traballo de campo, que o Museo fixo para recuperar e poñer en valor a historia este trazado. A través dun percorrido de nove paneis informativos e pezas audiovisuais, afóndase na importancia do tramo e a súa evolución ó longo dos séculos.

Presentación da mostra foto / foto xunta.gal

A exposición combina paneis informativos con materiais audiovisuais que fan un percorrido literario con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. A mostra achégase tamén á rede de camiños rurais de Galicia dende a Prehistoria ata a actualidade, o papel da Vía Rexia como unha variante do Camiño a Santiago, e os vestixios do castro de Viladonga.

Na exposición afóndase nas orixes históricas da entrada a Lugo a través da ponte da Chanca e na importancia deste tramo do Camiño a través do seu valor cultural e natural. A exposición, que forma parte da programación dos actos do 50 aniversario do inicio das escavacións no castro, poderá visitarse no Museo de Viladonga de luns a domingo de 10,00 a 20,00 horas.

Pode que che interese...