fbpx
Ponte Internacional sobre o Miño / foto Turismo de Galicia

Queres coñecer os 135 anos da ponte máis internacional de Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

O 25 de marzo de 1886 tivo lugar o acto de inauguración oficial da Ponte Internacional de Tui. Un acto solemne que consistiu no encontro de dúas locomotoras, a Valença  e Alfonso XII, reunindo, segundo as crónicas xornalísticas da época, preto de 20.000 persoas en ambas ribeiras do Miño.

Deseñada polo enxeñeiro español Pelayo Mancebo Agreda, esta excepcional obra combinaba os piares graníticos cunha celosía metálica que define a estrutura desta singular obra. Os primeiros, procedentes das canteiras de Guillarei, e a segunda  realizada pola empresa belga con presenza en Portugal Braine la Compte.

Trátase dunha infraestrutura que foi un antes e un despois nas comunicacións, non só entre Tui e Valença, senón entre Galicia e Portugal. Así a Ponte Internacional Tui-Valença cumple 135 anos neste 2021, e o Concello de Tui ven de organizar para celebralo unha exposición celebralo, así como para dar coñecer toda a historia da ponte.

Maqueta da Ponte Internacional sobre o Miño / foto Concello de Tui

Unha exposición para o seu 135 aniversario

A exposición, que poderá visitarse até o 4 de abril na Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica, realiza un percorrido polo proceso de deseño e construción da histórica infraestrutura sobre o río Miño. A mostra, que recupera parte do material dunha exposición anterior, conta con detallados paneis informativos e unha interesante maqueta da ponte.

A exposición nos achega ó proceso de acordo entre os gobernos de España e Portugal ou ó deseño por Pelayo Mancebo da obra. Tamén ó proceso de construción dirixido polos enxeñeiros Eugène Rolin e o seu irmá Ernest, e a substitución por Auguste Cazaux, xunto ó enxeñeiro inspector, o galego Andrés Castro Teijeiro.

Así a exposición percorre toda a historia da concepción e construción desta ponte metálica sobre o Miño. Unha ponte integrada por cinco tramos de ferro que acadan unha luz de 330 m, sendo un dos exemplos máis sobranceiros do patrimonio industrial de Galicia.

A ponte posúe tamén un alto valor simbólico como imaxe das relacións entre Galicia e Portugal ó tempo que expresa a entrañable unión de Valença e Tui que grazas á comunicación que posibilita converta a estas cidades miñotas nun único espazo cidadán, cunha continuidade urbana que resulta un exemplo único en toda a fronteira hispano-lusa, hoxe interrompida pola Covid.

Ponte Internacional sobre o Miño / foto Turismo de Galicia

Pode que che interese...