Un novo parque forestal libre de invasoras para pór en valor o Trega
Un parque forestal, dunha superficie total de 77,67 hectáreas, no monte de Santa Trega, para pór en valor o gran fito paisaxístico e cultural da orografía da Guarda. Esta é o último proxecto do Concello, desenvolvido a partir dunha subvención para a creación de Parques Forestais por parte da Deputación de Pontevedra, cun importe superior aos 30.000 €.
O Parque Forestal atópase en terreos da comunidade no monte de Santa Trega e será coñecido como Parque Forestal de Camposancos. As actuacións tiveron como obxectivo a eliminación e control do incremento de acacias no monte, favorecer o espallamento de especies forestais frondosas autóctonas, de alto valor ecolóxico, e a realización de traballos de prevención de incendios forestais.
As actuacións realizadas no monte estiveron encamiñadas a conseguir unha maior biodiversidade, maior valor paisaxístico intrínseco e eliminar os efectos perniciosos dende o punto de vista ecolóxico das especies invasoras e reducir o risco de lumes. Traballouse tamén na rehabilitación de sendeiros, a maioría deles impracticables por causa da vexetación.
Todas as actuacións realizáronse de xeito manual, excepto a retirada de parte da madeira que se fixo de modo mecanizado. As obras foron presentadas o pasado día 16 de marzo polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a Concelleira de Medio Ambiente, Montserrat Magallanes e representantes da Comunidade de Montes de Camposancos.