fbpx
Moeda romana do castro de Elviña / foto Concello da Coruña

Unha moeda coa imaxe da esposa do emperador Marco Aurelio, o último achado no castro de Elviña

Tempo de lectura: 2 min.

Unha moeda romana datada do século II en moi bo estado de conservación. Este é o último achado no curso das escavacións do castro de Elviña que se están a desenvolver dende o pasado ano. A peza foi atopada no acceso sudoeste do sector 16 do xacemento, nos traballos de posta en valor dun muro próximo a unha entrada, nun lugar que  moi probablemente foi construídos antes da época romana.

Na moeda, que data do século II despois de Cristo, pódese recoñecer a imaxe de Faustina a menor, esposa do emperador Marco Aurelio e nai do emperador Cómodo. Os arqueólogos explican que a moeda estaba situada na capa vexetal, en niveis moi superiores e sinalan que os procesos de formación do chan provocaron que este elemento se movera e quedara soterrado durante séculos ó medrar por riba a vexetación.

Moeda romana do castro de Elviña / foto Concello da Coruña

En concreto, as profesionais localizárona no acceso sudoeste dun sector no que xa estiveron realizando unha campaña en 2020 e “que este ano ampliamos para restaurar o muro e a entrada, quitando toda esa capa vexetal” tal e como apuntaba a alcaldesa Inés Rey. O equipo sostén que é moi posible que ese acceso se utilizara na época romana, aínda que é probable que fora construída con anterioridade.

Para Rey “a estratexia é que unha vez se terminen as escavacións, se proceda a restaurar todo o conxunto arqueolóxico, dentro dunha actuación global”.  Trátase, tal e como anunciou vai uns meses,  en converter o xacemento “non só nun lugar de estudo do noso pasado, senón tamén nunha infraestrutura social para a veciñanza, con grandes posibilidades turísticas”.”Facer do Castro o gran parque cultural do interior da cidade”.

Imaxe aérea do Castro de Elviña, na Coruña / foto coruna.gal

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...