fbpx
Castro das Torres de Padín, cortado literalmente pola AP-9 en Vigo / Xosé Couñago

Uns dos castros máis antigos de Vigo, cortado á metade pola AP-9 e lugar de refugallos

Tempo de lectura: 2 min.

Torres de Padín é un antigo castro, logo reconvertido en fortaleza medieval, que está situado no barrio da Chumba, na parroquia de Teis, no lindeiro co concello de Redondela, na saída da autoestrada AP-9 en Teis. Actualmente atópase cortado pola metade por esta estrada. A outra parte que aínda segue en pé está destinada a gardar material de obra e refugallos.

O arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, que dirixiu unhas escavacións de urxencia levadas a cabo en 1989, precisamente, por mor da construción da autoestrada, e nunha área moi reducida. Con todo, a pesar disto, ofreceu importantes sorpresas arqueolóxicas, xa que nas intervencións que se realizaron atopáronse restos pertencentes a distintas épocas históricas, dende o final da Idade do Bronce ata a etapa final da Idade Media, pasando naturalmente pola época castrexa.

Da Idade do Bronce, na súa etapa final entre os séculos IX e VII A.C. , atopouse un anaco pertencente a un machado de bronce e restos cerámicos, un colgante e un anaco da vaíña dunha arma. Do s.II antes da nosa era e o século I da nosa era, atopáronse abundantes restos cerámicos, algúns deles ibero-púnicos o que indica as relacións comerciais existentes naquela época co resto da península e co Mediterráneo.

Situación do Castro Torres do Padín, en Vigo, xunto con outras fortalezas castrexas / Xosé Couñago

Un dos castros máis antigos de Vigo

Segundo apunta o investigador Xosé Couñago, é un dos castros máis antigos dos 27 existentes en Vigo e tamén “o máis estragado e agredido”. “Esta agresión é algo totalmente incomprensíbel no momento en que foi consumada, en plena democracia e con leis protectoras do noso patrimonio”, lembra ao suliñar que, na actualidade, está sendo usado na actualidade como unha propiedade privada cerrada ao paso e vixiada con videocámaras para depósito de material de construción e refugallos.

Sobre o antigo castro construíuse unha fortaleza medieval, documentada nos séculos XIV e XV, e que foi derrubada durante as revoltas Irmandiña. Desta época, Hidalgo Cuñarro documentou un recinto amurallado, con foxo incluído, coroado por unha torre na parte superior do promontorio. Isto pon de relevancia que os irmandiños tamén actuaron neste concello. “É unha das escasas testemuñas de arquitectura defensiva medieval viguesa que aínda conservabamos. Na escavación de urxencia realizada deixouse constancia gráfica dos restos encontrados e os muros existentes”, destaca Couñago na súa web Patrimonio Cultural de Vigo.

Pode que che interese...