fbpx
Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

Vídeos aereos e fotogrametrías 3D para coñecer todos os castelos da costa de Ferrol

Tempo de lectura: 2 min.

Vídeos e fotogrametrías 3D de ata once baterías da costa ártabra de Ferrol, co obxectivo de coñecelas, estudalas e poñelas en valor. Este é o proxecto que Ferrol vén de adxudicar o Concello por importe de 11.850 euros no marco dunha das seis liñas de traballo do MMIAH, o proxecto europeo que busca poñer en valor o borde litoral.

Desenvolveranse un total de 11 vídeos, un por fortaleza, para o que se captarán imaxes de máxima calidade tanto terrestres como aéreas con drons. Tamén se efectuará un voo fotogramétrico para captar imaxes xeoreferenciadas das baterías para posteriormente procesar e xerar o modelo 3D do estado actual das mesmas. Con todo o material procederase á montaxe e edición e completarase con contido histórico de cada un dos elementos.

O fin é dispoñer de soporte gráfico das baterías para o seu uso interpretativo ó tempo que “ampliar o catálogo do noso patrimonio histórico, marítimo, militar e industrial”, explicou a concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus. As fortalezas que se documentarán serán as vixías de Prior e Monte Ventoso e baterías de Doniños, Prioriño Grande, Viñas, Cariño, San Cristovo, San Carlos, Prioriño (Pena Roiba, Lobateiras e Antiaérea), Prior (Prior Bajo, Alto e Antiaérea) e, por último, do Castelo de San Felipe.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

O proxecto desenvolverase no marco dunha das seis liñas de traballo do MMIAH, o proxecto europeo que busca poñer en valor o borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras co fin de facilitar o seu uso e xerar actividades co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica.

O Concello de Ferrol lidera o proxecto, no que participan outras oito cidades como Cádiz e Ílhavo en Portugal, Plymouth e Liverpool en Inglaterra, Caen e La Rochelle en Francia e Limerick e Cork en Irlanda. O proxecto conta cun orzamento total de 3.288.099,40 euros, dos que o 75 % procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o 25 % restante dos fondos municipais de cada cidade.

Porto de Ferrol, inicio do Camiño Inglés / foto hwy62CC0

Pode que che interese...