fbpx
Casa das máquinas en Galeras / foto HdG

A casa das máquinas de Santiago entra, tras décadas de agarda, na última fase da súa rehabilitación

Tempo de lectura: 2 min.

A Casa das Máquinas de Galeras, ou antiga ‘fábrica de electricidade’, atopase na última fase da súa recuperación, despois de que o pasado luns o Concello aprobara o proxecto técnico de rehabilitación do interior do edificio. A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, asinaba licenza de obras para completar a rehabilitación co acondicionamento interior do inmoble que permita a súa posta en servizo.

Esta obra sería a última intervención que permitiría, despois de décadas de agarda, recuperar o histórico edificio e crear un espazo cultural polivalente para o barrio, para usos sociais e culturais dos propios veciños. O proxecto, que contará cun prazo de execución previsto de 6 meses conta ademais cun orzamento total de 166.909,43 euros. O acordo foi presentado, xunto a outras licitacións en rolda de prensa polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Unha agarda de décadas para unha xoia modernista

E é que, tal e como informamos no seu día, despois de décadas de abandono a finais do ano 2017 o Concello e Deputación acordaron o financiamento conxunto da rehabilitación do inmoble. Sería o final dunha longa andaina do edificio dende que no ano 2001 o Concello e mais a empresa Unión Fenosa asinaran nun convenio a cesión do inmoble á administración local.

Casa das Máquinas en Galeras / google.es

Pretendíase daquela que fora o Museo da Cidade de Santiago de Compostela. Mais por falta de investimento a iniciativa non se materializou, emprazando máis tarde o proxecto no antigo edificio do Banco de España. Finalmente no ano 2017 acordouse á súa adaptación para local social e cultural comezando daquela as obras para a súa recuperación.

O edificio, que é unha das xoias da arquitectura industrial da cidade, data do primeiro cuarto do século XX e foi deseñado polo arquitecto compostelán Jesús López de Rego. Esta ‘fábrica da electricidade’, construída en 1919, foi a segunda da cidade e é unha excepcional peza de estética modernista  aplicada á arquitectura de tipoloxía fabril, no estilo máis maduro do excepcional arquitecto.

Pode que che interese...