fbpx
Membros de Capitán Gosende a carón do petróglido de Daquelcabo (O Serrapio-Pedre-Cerdedo) / remitida

As 17 cruces que cristianizaron un novo petróglifo atopado en Cerdedo

Tempo de lectura: 3 min.

A finais de marzo, ao correo do colectivo Capitán Gosende chegou unha mensaxe, informándonos da descuberta dun novo gravado rupestre en Cerdedo. Xurxo Outeiro, veciño da parroquia de Castro, púñase en contacto con nós para notificarnos, xentilmente, o achado, que se producira días antes, mentres o comunicante paseaba polos predios monteses que ganduxan a estrema entre as parroquias cerdedesas de Castro e Pedre.

Os de Capitán Gosende visitamos o lugar o día 28. O Topográfico rexistra naquela ladeira do monte comunal do Serrapio (Pedre) o topónimo Daquelcabo, polo que, para facilitar a súa localización, decidimos empregalo na súa denominación rexistral: “petróglifo de Daquelcabo” (coordenadas.- X: 546.430; Y: 4.709.798; alt. 417 m). Segundo o visor do Iet, a rocha insculturada sitúase a uns 250 m, cara ao sueste, do linde coa parroquia de Castro; a uns 15 m, ao sudoeste, dunha pista forestal; a uns 390 m, ao leste, do leito do río Quireza, tributario do Lérez; e a uns 630 m, ao oeste, do coto do outeiro (536 m).

O petróglifo de Daquelcabo está composto por signos riscados en época prehistórica e histórica. A meirande parte dos riscos ocupan a superficie dun mamilón de granito (gran groso) que avulta no laxeiro circunstante. O gravado prehistórico constitúese de 17 coviñas, 14 das cales se espallan pola prominencia granítica. 3 coviñas riscáronse na laxa, a uns 3’30 m de distancia do mamilón. O gravado histórico está formado por 18 cruciformes e dúas figuras triangulares, repartíndose polo mamilón do seguinte xeito: 13 cruciformes foron tallados na caída leste, 3 cruciformes na caída sur e 2 cruciformes e dous triángulos na oeste. Entre os cruciformes orientados cara ao leste, distinguimos algúns pometados, outros con pedestal e outros concatenados. 1 dos cruciformes orientados cara ao sur presenta pedestal e brazos semellantes á base. 1 dos cruciformes orientados cara ao oeste ten calvario. Na caída oeste tamén se tallaron dous triángulos isósceles. Unha das figuras oriéntase cara ao leste e a outra cara ao oeste. As coviñas e os cruciformes posúen tamaños diversos.

Petróglifo de Daquelcabo (O Serrapio-Pedre-Cerdedo) / remitida

O mamilón ten 6 m de longo, 3 m de largo e uns 70 cm de altura. Presenta signos evidentes de erosión e está cuberto dunha lixeira capa de carriza. As insculturas mostran todas elas os seus trazos luídos. Con certeza, o paso do tempo esvaeu moitas outras que, hogano, apenas se intúen. O suco dos cruciformes ten o val en “u” e non en “v”, polo que ben se poden datar en época medieval.

A estación petroglífica vese contornada por unha repoboación nova de piñeiro e matogueira baixa (toxo).

No ano 1897, o lugar do Serrapio segregouse da parroquia de Santo Isidro (Campo Lameiro), incorporándose á de Pedre (Cerdedo). O petróglifo de Daquelcabo é un gravado rupestre prehistórico (coviñas) que foi acrecentado (cruciformes) en época histórica (quizais, na Idade Media), para empregalo como gravado de termo, como punto de referencia. Esta inscultura foi, sen dúbida, o marco oriental da parroquia de Santo Isidro.

O petróglifo de Daquelcabo fai o número 60 dos inventariados no territorio de Cerdedo, e o número 10 dos correspondentes á parroquia de Pedre. Rematamos o noso informe, felicitando de novo a Xurxo Outeiro pola descuberta e agradecéndolle a deferencia de nos ter informado.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...