fbpx
Imaxe tratada LBK / foto Bea Comendador-Concello de Vimianzo

Así se ve a desfeita de Pedra Cuberta coas imaxes tratadas con DStretch

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado martes 6 de abril o Concello de Vimianzo informaba de como o dolmen de Pedra Cuberta, no que o pasado verán desenvolvéronse visitas guiadasapareceu co seu interior riscado con xiz. Un estrago que non por estar feito con este material é menos grave. Pois a cámara do dolmen ten no seu interior pinturas descubertas na década de 1930 e conservadas dende vai máis de tres milenios, e especialmente fráxiles.

O goberno local deu parte ás autoridades e xa ordenou un estudo técnico sobre a afectación das pintadas neste ben patrimonial así como o procedemento a iniciar para a súa eliminación. Tal e como no seu día apuntaba a alcaldesa, Mónica Rodríguez “investigarase o acontecido para tratar de dar solución a este problema, que desde aquí condenamos rotundamente. É un insulto para o noso pobo e para toda Galicia”.

Trátase dun atentado composto por varios debuxos do que semella ser un gato ou tigre, un elefante ou mamut e varias figuras humanas, localizados en varios dos ortóstatos. Así podía verse nas imaxes que enviaban dende o Concello, capturadas no lugar. Mais grazas a investigadora Bea Comendador podemos ver dun xeito moito máis profundo como se ve a desfeita tras o seu tratamento co programa DStretch.

DStretch é unha ferramenta concibida para o estudo no campo da arte rupestre co fin de revelar posibles formas aparentemente non visibles. A ferramenta foi deseñada por Jon Harman ó redor do ano 2005 como complemento para o coñecido contorno de análise de imaxe ImajeJ. O programa está inspirado no coñecido como técnicas de “decorrelation streching ” co fin de mellorar sinteticamente a cor dunha imaxe, a través do estiramento por descorrelación das cores.

Así nas imaxes pode verse o enorme impacto dos trazos con xiz nos ortóstatos que se misturan co resto das cores destacadas polo programa. Estas correspóndese maioritariamente coa colonización vexetal da pedra entre as que se agochan os restos de pigmentos, só diferenciables a ollos de expertos ou mediante análises. Mais amósase con rotunda claridade o enorme alcance que ten un atentado que, aparentemente, podería non parecer tan grave.

Desfeita no dolmen de Pedra Cuberta coa imaxe tratada / foto Bea Comendador

Pode que che interese...