fbpx
Caretelería no castro de Subidá / foto María López

Continúa a polémica: denuncian que en Subidá non é posible ler os carteis en galego sen caer ou subir ó muro

Tempo de lectura: 3 min.

Despois de varios meses de polémica na provincia de Pontevedra por mor das intervencións nos castros de Subidá, Alobre e Toiriz, por parte do Ministerio de Fomento, continúan a aflorar queixas por parte de visitantes, profesionais e veciños. Pois coa apertura ó público estase a reparar cada vez máis nos fallos de deseño e diferentes erratas que menoscavan o seu obxectivo, a divulgación dos valores dos xacementos.

Pois, alén do debate sobre o carácter respectuoso ou non das intervencións, unha das maiores críticas que se lle está a achacar ós xacementos é a súa cartelería. De feito, xa antes da súa apertura saltaban a este respecto todas as alarmas cando no castro de Subidá en Marín nunha das picas de información aparecía escrito o termo “PETROGRIFLOS”.

A indignación por esta enorme errata percorría as redes sociais e indignaba ós profesionais. Foi ata tal punto que na inauguración dos traballos, o pasado día 15, a propia presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, defendía que “se resolverán algúns erros puntuais de sinalética”, pois “queremos a perfección”. Poucos días días despois o cartel foi substituído por outro corrixido.

Castelán no frontal, galego e inglés en equilibrio

Porén non é a única das polémicas referidas á cartelería. Pois unha das críticas máis escoitadas respecto a este tema foi o feito de estar preferentemente redactadas en castelán, deixando o galego e o inglés compartindo espazo na parte traseira das picas informativas. Para moitos un problema sociolingüístico importante que vai encontra da normalización do idioma e que nos devolve a tempos pasados, para outros un feito simplemente derivado de ser unha obra promovida por unha administración estatal.

Porén o principal problema deste feito, segundo recollen os visitantes do castro de Subidá, é que os idiomas galego e inglés en moitos dos paneis informativos son dificilmente accesibles. Pois a colocación, de feito, dos carteis está pensada par verse e, por tanto, lerse de fronte. Ó estar as “traduccións” no reverso fai que en moitos casos lelos en algún destes dous idiomas sexa unha situación extremadamente complexa ou mesmo poña en risco ós visitantes.

Pois tal e como se pode ver nas imaxes que algúns veciños nos enviaron, varios dos paneis informativos non están deseñados con espazo dabondo no seu reverso para poder lelos con comodidade ou sen perigo. Especialmente en dous casos. Nun deles, sitúase nun forte terraplén, o que implica facer importantes equilibrios para non caer mentres se le, e noutro, directamente, un muro tapa por completo a posibilidade de situarse no adverso.

Tal e como nos escribían unha veciña, un deles “se o les te despeñas” o outro para poder lelo en galego ou en inglés “tes que subir ó balado e tomar o risco de caer ou facer unha contorsión un pouco rara, pois atópase a un palmo. Os restantes tampouco teñen un acceso especialmente mellor.

Ademais, isto únese a outra das grandes críticas sobre a cartelería neste castro en concreto de Subidá: a súa escasa accesibilidade. Pois, a diferenza do caso de Toiriz, a intervención no castro de Subidá tería graves problemas neste senso, especialmente no relativo á cartelería, pois moitos dos carteis que se localizan no castro sitúanse espazos empenados e ata certo punto afastados dos camiños.

Labirintos, “Pacho de Donón” e outras erratas

Ademais, os profesionais da arqueoloxía teñen apuntado outros problemas, como erros no nas indicacións da sinalización e no texto dos propios carteis. Entre eles son salientables fallos puntuais na toponimia, como o referido ó castro do Monte do Facho en Cangas como o “Pacho de Donón”. Tamén se fai referencia a labirintos nos petróglifos cando en realidade aparecen representacións circulares.

Ademais, segundo algúnse expertos, a sinalización do famoso “petrogriflo” referido pola cartelería fai referencia a unha gravadura situada no camiño que une as dúas croas do castro, non estando sinalizado in situ senón a distancia, o que non o fai identificable. Tamén se critica que se tomara a decisión de reproducir un calco dunha investigación da década de 1980, en lugar de ter feito un novo levantamento 3D.

 

Imaxe da intervención de Trazas de Historia / foto María López

 

Pode que che interese...