fbpx
O país da Moura frame do vídeo

Grande éxito do documental O país da Moura, con varios milleiros de reproducións tan só 5 días

Tempo de lectura: 2 min.

“As mouras tamén coñecidas como donas, damas, señoras, señoritas, princesas, raíñas, encantos… son mulleres encantadas, xeralmente mulleres de enorme beleza resaltada polo seu cabelo roxo ou louro, a súa pel branca, e as súas meixelas rosadas. Represéntanse as veces como seres sensuais, sedutores, pero tamén perigosos”.

Así empeza a serie documental O País da Moura, “un documental sobre a riqueza mitolóxica que atesoura Galicia centrado nas lendas que configuran o mito da Moura, o personaxe mitolóxico máis importante da nosa cultura e un dos elementos simbólicos do folclore galego”, en palabras da propia empresa que o produce, a empresa de antropoloxía Ab Origine.

Trátase dun proxecto do antropólogo Rafael Quintía, con Valentín García Bóveda como produtor e con Miguel Alonso como responsable da realización técnica.

 

Dividida en once capítulos, ó longo de case dúas horas e media de metraxe, o documental conta  a lenda desta personaxe da mitoloxía galega. Mentres fai un percorrido por diferentes lugares do noso territorio vinculados a estes mitos e cuxo valor natural, arqueolóxico, etnográfico ou cultura é significativo para entender e contextualizar os relatos orais recollidos neste audiovisual.

O pasado sábado 24 de abril estreábase o primeiro capítulo do filme no blogue de Ab Origine, na súa canle de YouTube e na súa páxina de Facebook. O vídeo suscitaba un especial interese tanto nas redes como na propia plataforma acabando, tan só o primeiro capítulo ó redor de 1.400 reproducións en menos de cinco días, e camiño de 2.500 os catro capítulos subidos por Ab Origine.

A isto habería que engadir as máis de 1.000 reproducións dos seus dous trailers. Unhas cifras bastante notables en tan pouco tempo para un documental galego estreado nas redes.

Hoxe día 28 estréase o quinto capítulo, que podes ver neste link, pois O país da Moura está estruturado en capítulos que se van publicando cada día da semana ás 22 horas, ata rematar o martes 4 de maio coa proxección do derradeiro da serie. Polo de agora a serie documental xa nos achegou ó concepto de Moura, as xeografías do mito, a súa imaxe como construtora do mundo ou á proba do desencanto. Coa estrea diaria do documental dende Ab Origine queren así “celebrar este ano o ciclo festivo ritual dos Maios”.

Pode que che interese...