Nova vida para o enigmático castro que se atopa debaixo do Museo do Mar de Vigo
Entre os anos 1992 e 2002 os prestixiosos arquitectos César Portela e Aldo Rossi deseñaron sobre unha antiga conserveira de Vigo o actual Museo do Mar, un dos museos máis impresionantes de Galicia pola súa arquitectura e pola súa integración na paisaxe ou mesmo creación da mesma. Tamén polo coidado polos substratos precedentes no lugar. Entre eles estaba un castro galaico sobre o que se erguera a antiga factoría.
O antigo castro foi parcialmente escavado e recuperado no deseño arquitectónico, pero ata o de agora, trinta anos despois, non se desenvolveu un programa museográfico sobre el no propio museo. Agora o castro do Museo do Mar de Galicia terá unha nova visión para os visitantes que abrirá as súas portas a partir do mes de maio.
Pois o departamento de Cultura está a ultimar un ambicioso proxecto para a consolidación e exposición dos restos do poboado. Formará parte da exposición permanente e poderá verse nun novo espazo que comezou a montarse nas inmediacións da antiga lareira, o único resto visible da conserva e do matadoiro anterior ó museo.
O castro é un importante e enigmático enclave, construído aberto o mar e no que se atoparon restos, tales como un idoliño e unha peza de altar, relacionados coa cultura púnica ou fenicia. Estes restos e a morfoloxía do castro denotan a importancia do comercio marítimo das nosas costas moito antes da chegada dos romanos. Recóllese a nova de xeito detallado o Diario Atlántico.

Museo do Mar, en Vigo, onde estará custodiado o pergamiño Vindel / DUVI