fbpx
Actos vandálicos no dolmen de Pedra cuberta / foto Concello de Vimianzo

Novos actos vandálicos no patrimonio arqueolóxico: debuxan un gato no dolmen de Pedra Cuberta

Tempo de lectura: 2 min.

Varios motivos realizados en xiz que simulan un gato xunto a unha persoa realizados por vándalos no interior do dolmen de Pedra Cuberta, en Vimianzo. Este é o último atentado contra o patrimonio arqueolóxico galego aparecido o pasado domingo 4 de abril nun dos máis importantes da Ruta dos Dolmens da Costa da Morte.

Malia ser estar feitas con este produto, aparentemente pouco agresivo, as marcas poderían ter afectado de xeito importante a un dolmen no que foron achadas pinturas no seu interior, de varios milenios de antigüidade. É por isto que o Concello de Vimianzo condenou rotundamente estes feitos vandálicos e abrirá unha investigación para resolver o acontecido.

Actos vandálicos no dolmen de Pedra cuberta / foto Concello de Vimianzo

O goberno local xa ordenou un estudo técnico sobre a afectación das pintadas neste ben patrimonial, así como o procedemento a iniciar para a súa eliminación. tal e como apuntaba a alcaldesa, Mónica Rodríguez, “investigarase o acontecido para tratar de dar solución a este problema, que desde aquí condenamos rotundamente. É un insulto para o noso pobo e para toda Galicia”.

Un referente patrimonial e turístico para a Costa da Morte

O dolmen de Pedra Cuberta atópase na parroquia de Treos, no Concello de Vimianzo e forma parte da Ruta dos Dolmens da Costa da Morte. A pesar de faltarlle a lousa de cuberta da cámara principal é un dolmen especialmente importante tanto polas súas dimensións, cun corredor de 6,6 metros, como polas pinturas interiores que aínda conserva, de cores vermella e negra sobre branco.

Ademais, forma parte do gran número deste tipo de xoias arqueolóxicas que conserva Vimianzo e que nos últimos anos están a ser obxecto de importantes campañas de divulgación orientadas a visitantes e turistas así como ós propios veciños. De feito nesta pasada Semana Santa o Concello organizou unha serie de rutas para poñer en valor estes espazos.

As rutas ó dolmen, que xa se fixeron noutras ocasións, axudándose tanto nos guías cualificados como na tecnoloxía, especialmente nas canles de Wikiloc e as audioguías de vimianzo.mobi, tiveron unha grande aceptación entre os visitantes. “Facemos un balance moi positivo destas rutas, pero pésanos moito que continúen a aparecer este tipo de atentados contra os nosos bens, que son de todas e todos e que forman parte da nosa historia como pobo”, declaraba a alcaldesa.

Actos vandálicos no dolmen de Pedra cuberta / foto Concello de Vimianzo

 

Pode que che interese...