Os tesouros ocultos do noso patrimonio: documentadas 20 novas mámoas de entre 6.000 e 4000 anos en Baralla
Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentaron 20 novas mámoas no concello de Baralla que non figuran recollidas nin no Plan Básico Autonómico nin no visor de Aproveitamentos Forestais, ferramentas fundamentais para a consulta dos espazos arqueolóxicos suxeitos a protección. Foi na Serra do Rañadoiro, entre as parroquias de San Martín de Neira de Rei, Teixeira e Vilachambre. Próximas unhas das outras, distribúense por unha penichaira situada a 900 metros de altitude. Os achados producíronse cando nos achegamos a ver a única mámoa catalogada por Patrimonio que hai no lugar para preparar unha futura ruta, o que certamente nos sorprendeu xa que a maioría das novas mámoas atópanse en mellor estado ca catalogada.
As dimensións destes enterramentos do período Neolítico, cunha antigüidade que vai dos 6.000 aos 4.000 anos, oscilan entre 13 e 22 metros de diámetro, e unha altura entre 0,40 e 1,5 metros. Nun dos túmulos vense os restos dun dolmen formado por grandes pedras. Aínda que as mámoas foron alteradas polos labores agrícolas e forestais (algunhas non hai moito tempo), destacan totalmente na paisaxe, divisándose dende lonxe. “Se ben a mesta maleza impídenos a súa confirmación, cremos que na zona pode haber outras dez medorras. Por información oral sabemos que hai uns trinta ou corenta anos apareceron no sitio, ao menos, catro machados de pedra e, pola descrición que nos proporcionaron, unha aixola“, apuntan.

Mámoa atopada por Patrimonio dos Ancares en Baralla / remitida
“Á vista da cantidade de enterramentos, podemos establecer que estamos diante dunha das maiores concentracións tumulares da provincia de Lugo, só detrás das necrópoles da Millarada, en Cospeito, e do Monte de Santa Mariña, entre os concellos do Incio, Samos e Sarria, polo que imos dirixirnos ao Concello de Baralla para que os poña en valor”, suliñan.
Os achados xa foron postos en coñecemento de Patrimonio para que procedan á súa catalogación.