fbpx
Catedral de Ourense / foto Consellería de Cultura

Retirar unha trazaría gótica, recuperar reixas e púlpitos e evitar humidades, así serán as novas obras na catedral de Ourense

Tempo de lectura: 3 min.

Solucionar as principais patoloxías que afectan ao inmoble e poñer en valor este importante templo. Estes son os obxectivos das vindeiras actuacións para a restauración da catedral de Ourense, financiadas por Estado, Europa, a través de Fondos FEDER, Xunta e Igrexa. Trátase de dous novos proxectos dotados con máis de 800.000€, para intervir na capela maior, torres, fachada occidental e patios.

Neste momento atópanse xa licitadas as obras para intervir nas reixas e púlpitos da Capela Maior. Trátase dunha actuación que estará financiada entre a Xunta, o Estado (a través do 1,5% cultural), e a Igrexa, cun orzamento de 429.000€, dos cales o Goberno galego aporta máis de 175.000.

Por outra banda, atópanse en fase de licitación obras por valor de 400.000 euros cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Estas intervencións centraranse na fachada occidental, o nártex, as Torres de San Martiño e das Campás e dous patios laterais delimitados pola nave central, as naves laterais e a zona do coro.

Catedral de San Martiño de Ourense / foto Turismo de Galicia

Os traballos enmarcaranse Plan de Catedrais no que está traballando o Goberno galego para o mantemento e a conservación dos cinco grandes templos catedralicios no horizonte do Xacobeo 2027. Este orzamento súmase ós máis de 2 millóns de euros que se levan investidos durante a última década no templo, por parte de Xunta, Estado e Europa. As obras terán unha duración máxima de seis meses e con elas solucionaranse algunhas das patoloxías urxentes do templo.

Retirar unha trazaría gótica para darlle un aspecto máis románico

No tocante á fachada oeste, ademais da reposición de faltas, traballos de limpeza, preconsolidación, consolidación e selado, farase ademais unha desmontaxe e retirada dunha trazaría de pedra do século XVI. A peza trasladarase para a súa exposición nun lugar axeitado. Tamén se procederá á desmontaxe dunha vidreira colocada no século XX no rosetón do corpo superior.

Pórtico do Paraíso San Martiño de Ourense / foto Turismo de Galicia

No que respecta á trazaría pétrea, trátase dunha intervención histórica que se considera preciso reformular para mellorar a apreciación dos elementos escultóricos da portada románica, axudando así a unha mellor interpretación do conxunto. Neste sentido, cómpre dicir que a trazaría afecta fisicamente e impide a correcta lectura da decoración románica do pórtico exterior da fachada, xa que interrompe, á altura da cintura a contemplación das figuras que o compoñen.

Procederase tamén á desmontaxe dunha vidreira contemporánea situada no rosetón do corpo superior, ó entenderse que conta cunha presenza excesiva debido ós perfís de aluminio que a definen. Deste elemento almacenaranse aqueles vidros que se consideren de interese. Posteriormente, procederase á instalación dunha nova carpintería de latón na que a Diocese de Ourense instalará a nova vidreira.

Nova iluminación no nartex, rexuntado e novas fiestras nas torres

No nártex, acometerase a substitución da iluminación do Pórtico do Paraíso por unha iluminación que mellore o impacto visual das luminarias existentes buscando unha maior eficiencia enerxética. Restauraranse tamén as portas de madeira de acceso e realizaranse dúas catas na base da torre das Campás para investigar a orixe das humidades presentes nesta zona.

Portada da catedral de San Martiño de Ourense / foto Turismo de Galicia

Na torre de San Martiño e a torre das Campás realizarase unha limpeza e rexuntado xeral. Restauraranse ou substituiranse as carpintarías, procedéndose á protección dos ocos e, ademais, naqueles lugares con cornixas e repisas susceptibles de filtración de auga ou acumulación de sucidade, colocarase unha chapa de cobre e medidas antiaves.

Finalmente intervirase tamén nos patios laterais. Neles, segundo o proxecto, procederase a substituir a cuberta plana existente na actualidade por unha cuberta invertida con acabado superficial de pedra granítica. Desenvolveranse tamén, do mesmo xeito, pequenas reparacións das carpinterías e da instalación eléctrica.

Presentación das obras / foto Consellería de Cultura

Pode que che interese...