Un gran inventario de toda a obra de Seoane? A súa fundación asume o reto para evitar falsas atribucións
Dispor dun inventario completo de toda a obra coñecida do gran mestre da pintura contemporánea galega Luis Seoane. Este é o reto que o padroado da súa Fundación acordou por unanimidade, nunha reunión convocada no pazo de María Pita o pasado 7 de abril. Trátase da actualización do cronograma de traballo que xa se viña realizando e no que un dos obxectivos era precisamente dispor dun inventario completo de do artista.
Outro dos obxectivos é garantir as atribucións das obras de Luis Seoane de titularidade privada. Para isto estudarase a través de persoas expertas xurídicas en Patrimonio as vías axeitadas para examinar e garantir as atribucións, o que foi decidido tamén por unanimidade. Neste caso, o padroado entende que é necesario ofrecer un marco xurídico legal que despexe calquera tipo de dúbida sobre as creacións que se lle atribúan ao artista.
Trátase de que as dúbidas sobre a autoría das obras se minimicen no futuro. Agárdase que con estas actuacións se poida garantir que as diverxencias de criterio ou dúbidas sexan as mínimas. Así a Fundación será a institución de referencia como autoridade en relación coa obra deste autor galego e universal, cuxo legado se custodia na dita fundación que leva o seu nome, situada na Cidade Alta da Coruña.