fbpx
Desfeita no castro/ foto Concello de Dodro

Unha nova corta forestal ilegal acaba esta vez co derrube de muros nun castro de Dodro

Tempo de lectura: 2 min.

Continúa a crecer a nómina de bens patrimoniais esnaquizados por traballos forestais en Galicia. Neste caso foi o propio Concello de Dodro o que, tal e como anunciaba nas últimas horas nas súas redes sociais, comunicaba ó Servizo de Xestión Cultural da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e ó Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) un novo atentado contra un castro.

Trataríase de danos producidos nunha corta de eucaliptos na área de protección integral de grao 1 do Castro de Lestrobe neste concello. A corta causou o derrubo de muros existentes, biomasa e restos da corta abandonados no propio camiño. Ademais o propio Concello teríase posto en contacto co Distrito Forestal que confirmaría que a corta non contaba con permiso.

Así, polo tanto, a corta carecería  tamén de permisopor parte da Dirección Xeral de Patrimonio, obrigatoria neste caso. Por último, para completar o despropósito, a parcela na que se desenvolveu a corta contaría con “propietarios descoñecidos” no servizo de xestión catastral. Por todo isto o Concello decidiu pór en coñecemento das autoridades os feitos.

Dende o Concello agárdase que “non se volvan a repetir estas actuacións que atentan contra o Patrimonio Cultural de todos os veciños de Dodro e dos galegos”, tal e como afirmaban nas súas redes. Un tipo de destrucións que, como recollemos no noso medio, son cada vez máis habituais no noso territorio. “Se destruímos os bens patrimoniais tamén destruímos á nosa identidade como pobo”, afirmaban.

Desfeita no castro/ foto Concello de Dodro

 

Pode que che interese...