260.000 euros para restaurar outra das xoias románicas da Ribeira Sacra, con frescos da Santa Cea
260.000 euros para traballos de restauración, conservación e mantemento da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, en Pantón, na Ribeira Sacra. Estas son as obras que o goberno galego anunciaba o pasado mes de marzo, dentro do seu compromiso co patrimonio relixioso desta zona de Galicia que opta a ser Patrimonio Mundial.
E é que a Consellería de Cultura adxudicou a restauración neste templo, un dos mosteiros máis relevantes da Ribeira Sacra. Trátase dunha xoia románica que conserva no seu interior interesantes pinturas murais, tamén restauradas, e que está declarado Ben de interese Cultural (BIC).

San Vicenzo de Pombeiro en Pantón / foto Lucas Vázquez PD
As obras consistirán fundamentalmente na substitución da actual cuberta, a eliminación de humidades nas bases dos muros e a execución de novas carpinterías nas fiestras. As actuacións permitirán atallar o problema da humidade e a entrada de auga a través da cuberta, problema que se quere reducir a través da mellorara das carpintería garantir unha correcta ventilación do templo.
Ademais intervirase nas fachadas, renovándose os rexuntados das exteriores, reordenarase o espazo da sancristía substituíndo a porta de entrada e peche e renovarase a pavimentación do espazo do adro para facilitar o acceso. O prazo de execución dos traballos será de seis meses desde o inicio das actuacións.
Unha xoia románica con frescos das lamentacións e da Santa Cea
Cunha fábrica que data do último terzo do século XII e da primeira metade do século XIII a igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, ó igual que outros mosteiros da Ribeira Sacra, tivo as súas orixes nun antigo cenobio, durante a Alta Idade Media. Conta cunha planta basilical de tres naves e cabeceira tripla.

San Vicenzo de Pombeiro / foto xunta.gal
San Vicenzo conserva da súa fábrica románica a cabeceira e parte dos muros perimetrais das naves, tanto ao interior como ao exterior. No seu interior destacan tamén os seus retablos. Destaca especialmente o maior, de principios do século XVIII, vinculado ó obradoiro de Francisco Castro Canseco.
Ademais esta xoia complétase no interior cun excepcional conxunto de pinturas murais. Descubertas no 1996, foron restauradas tamén pola Dirección Xeral de Patrimonio. Representan a Santa Cea, as lamentacións sobre o cristo morto, o xuízo final así como outras escenas como o nacemento de cristo ou Santa Ana.

San Vicenzo de Pombeiro / foto xunta.gal