fbpx
San Miguel de Bacurín en Lugo / foto Turismo de Galicia

Arte contemporánea para lembrar o valor artístico e social das igrexas do Camiño Primitivo

Tempo de lectura: 3 min.

A mellor arte contemporánea e a mellor arte sacra secular en seis templos do Camiño Primitivo ó seu paso por Lugo. Esta é a proposta turística que a cidade de Lugo presenta para este Xacobeo, no seu proxecto ‘Rutas Connexio’. Un proxecto compartido entre o Concello e Bispado que pretende  dinamizar o tecido artístico, empresarial e turístico de Lugo e a súa comarca.

Un novo perfil para o turismo

Trátase dunha “chamada de atención para turistas e visitantes que elixen, e máis en tempos de post pandemia, vivir novas experiencias en contornas naturais cunha historia que os acompañe”. Así o definía a alcaldesa, Lara Méndez, na presentación a comezos de mes, unha proposta que tamén foi presentada en FITUR.

Detalle de San Miguel de Bacurín en Lugo / foto Turismo de Galicia

A iniciativa, enmarcada no Ano Santo, pretende proxectarse “en perfís de visitantes, turistas e peregrinos que foxen da masificación e buscan alternativas diferentes”, afirmaba Méndez. “As Rutas Connexio están pensadas como un traxecto con paradas en espazos para a reflexión no Camiño Primitivo, que é Patrimonio da Humanidade”.

As obras foron creadas antes da pandemia “establecendo conexións entre os axentes culturais, a veciñanza e os peregrinos, parte activa do proxecto”, segundo a alcaldesa. Rutas Connexio, inclúe itinerarios cara a Lugo onde os visitantes poden participar destas reflexións artísticas ó mesmo tempo que viven a experiencia do Camiño Primitivo.

A relación entre a arte e a sociedade local que o vive

As rutas amosan os traballos de seis creadores de arte contemporáneo, expostos en seis templos do Camiño Primitivo. Intervencións que foron as gañadoras da primeira convocatoria dos galardóns Connexio do Concello de Lugo, postas en marcha antes da pandemia. Ós premios presentáronse 220 artistas de todo o mundo.

Capela do Carme de Lugo / foto HombreDHojalata CCBy Wikimedia

Entre eles un obxectivo común: profundar e recuperar o Camiño como espazo de reflexión e faladoiro entre o medio natural, os seus habitantes e todos aqueles que o transitan como vén facendo desde hai séculos. Nesta inspiración, os artistas gañadores  integraron nas súas obras elementos comúns das vidas dos veciños, achegándose ás súas realidades, creando sinerxías previas con eles, coñecéndoos e colaborando.

Nas obras empréganse obxectos da vida cotiá da zona, como aceite, liño ou granito. Empregáronse gravacións sonoras históricas e actuais e mesmo aceite nun lenzo que entregaron os integrantes da Confraría do Carme e que foi empregado como aglutinador.

Visitas, tamén guiadas

Ademais, nestas rutas, os peregrinos, turistas e visitantes poderán coñecer as obras. Mais tamén como se desenvolveu o proceso creativo grazas ós códigos QR que se instalaron nas igrexas para este fin. Ademais, poderán coñecelas a través de visitas guiadas, da man dun guía expertos da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, que realizarán visitas durante os meses de xuño, xullo e agosto.

Na mostra participaron Álvaro Negro, Estelle Jullian, Rodríguez-Méndez, Juan López Ainara LeGardon e Jesús Otero-Yglesias.As igrexas escollidas, xunto co seu arte sacro e as súas contornas foron: Santa María en Gondar; Capela do Carme; San Xóan Alto; San Vicente en Burgo; San Miguel en Bacurín  e San Pedro de Abaixo en Mera.

Detalle de San Miguel de Bacurín en Lugo / foto Turismo de Galicia

Pode que che interese...