fbpx
Sexta campaña no castro das Barreiras / foto Concello de Vimianzo

Comeza, xa con achados, a nova campaña para desentrañar as orixes máis remotas do castro das Barreiras

Tempo de lectura: 4 min.

O pasado mércores 26 comezou unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras, en Vimianzo, no corazón da Costa da Morte. Trátase dunha nova campaña que reafirma a aposta do Concello pola preservación, conservación e posta en valor do seu patrimonio arqueolóxico e especialmente por un dos xacementos máis singulares de esta zona de Galicia.

Trátase da sexta campaña consecutiva e da que dúas corporacións de signo político distinto mantiveron ó longo do tempo como prioridade. Unha vez máis os traballos estarán comandados polo arqueólogo Tito Concheiro, novamente a través do equipo de Terra Arqueos.

Trátase de darlle unha “nova visión” ó xacemento, segundo explica o propio arqueólogo. Pois segundo Concheiro “o Castro das Barreiras vaise converter na auténtica locomotora do patrimonio cultural de toda a comarca”. “Este castro en vivo e en directo é espectacular e sempre que vimos nos da algo engadido que lle suma calidades para facelo un xacemento sen parangón”, afirma.

Presentación da sexta campaña no castro das Barreiras co equipo e a alcaldesa da vila / foto Concello de Vimianzo

Unha intervención para desentrañar as orixes máis remotas das Barreiras

Así, nesta campaña, intervirase na metade do xacemento que se orienta cada o suroeste, coa mirada, unha vez máis, posta na muralla e o seu paramento interior. Nesta ocasión está previsto acometer traballos en ata 30 metros. “Tamén ampliaremos a casa que se descubriu o ano pasado e escavaremos novamente no cemiterio cerámico”, subliña Concheiro.

E é que unha das principais novidades e polo que será tan importante esta intervención é o descubrimento da primeira “Cabana de poste” no Castro, unha construción que data de moito antes das típicas castrexas. “Podemos estar ante as primeiras épocas das Barreiras, e isto suporá un antes e un despois en como entendemos todo este xacemento”, determina Tito Concheiro.

Un achado inesperado, o fragmento dunha fíbula de bronce

E é que o castro das Barreiras trátase dun dos xacementos máis enigmáticos de toda a Costa da Morte. Como xa contamos noutros artigos as Barreiras destaca polo seu gran tamaño e as súas altas murallas que servirían como protección a unha localización especialmente inusual, un fondo de val. Para continuar o enigma as barreiras está ocupado por vivendas excepcionalmente grandes e cunha ampla separación.

Sexta campaña no castro das Barreiras / foto Concello de Vimianzo

Coa escavación desta cabana poderían desentrañarse as orixes máis remotas do castro e continuar a entender algúns dos seus interrogantes. De feito, no propio día de inicio da campaña as Barreiras xa daban un novo achado: o fragmento dunha fíbula de bronce. Segundo o equipo é como un “imperdible” e que é a primeira vez que aparece no Castro.

Esta é a “promesa” de que vai haber mellores descubrimentos no Castro das Barreiras”, di Tito Concheiro. “Será unha intervención moi frutífera, nun lugar no que canto máis preguntas, máis che responde”, sentenciaba Concheiro, quen quixo agradecer “no seu nome e de todos os arqueólogos profesionais” ó Concello de Vimianzo “a súa confianza e aposta polo Patrimonio arqueolóxico do municipio”.

Unha nova campaña, previsiblemente, o vindeiro outono, para entender a muralla

Concheiro destacaba, ademais, a continuidade dos traballos no xacemento e adiantaba a posibilidade dunha nova campaña en setembro. “Imos a facer algunhas cousas diferentes. Cando se leva a cabo a sexta campaña consecutiva non podemos falar doutra cousa senón de continuidade, sendo un exemplo para toda Galicia”, afirmaba.

Sexta campaña no castro das Barreiras / foto Concello de Vimianzo

Adiantaba tamén que “estamos a traballar coa perspectiva de poder facer esta campaña de primavera e outra no outono”, coincidentes coa tempada escolar. Así, en setembro prevese unha intervención completa noutro sector de escavación na muralla, lugar primordial para dirimir unha nova visión das Barreiras. Para saber realmente como e a muralla necesitamos unha intervención “tanto interior como exterior”, subliñaba Luis.

Pois o castro tería dous recintos orixinariamente, esa era a planta orixinal. Restituír iso antóllase indispensable para as visitas, porque é achegarse á vista orixinal. Neste sentido, reconduciranse as futuras intervencións e “comunicaranse as novidades conforme se vaian descubrindo”, avanzan desde Terra Arqueos.

Vista da penúltima campaña no Castro das Barreiras / foto equipo arquolóxico

Reactivando as visitas escolares

Así con estas dúas campañas o equipo agarda poder sumar un dos activos máis importantes dun xacemento arqueolóxico: a rapazada. E é que xa a vindeira semana retomaranse as visitas escolares co centro educativo de Baio, e tamén do alumnado do Obradoiro de Emprego de Turismo, conveniado coa Xunta de Galicia e os Concellos de Muxía e Camariñas. Xa hai outros centros educativos que concertaron visita para acudir a observar o xacemento e “isto é o que lle da o sentido completo ao noso traballo”, dicía Concheiro.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: