fbpx
Estado actual e protestas / foto Amigos das árbores da Limia

Continúa a polémica polo arboricidio da ponte romana de Ourense con un novo aspecto de formigón ó pé

Tempo de lectura: 2 min.

“En 1935 a Ponte Romana de Ourense estaba integrada harmónicamente co campo dos remedios até o Miño. No 2021 a Xunta de Galicia fai un miradoiro e di levar adiante un proxecto de humanización no lugar. Que vos parece?”. Con estas palabras denunciaban dende as Amigas das Árbores de Ourense a estrutura de formigón que se está a levantar no lugar onde ata non fai moito había grandes árbores frondosas.

Pois, tal e como xa contamos no mes de xullo, Usuarios do Parque do Couto e as Amigas das Árbores de Ourense daban a alarma. O Concello de Ourense, presidido por Gonzalo Pérez Jácome, cortaría un número indeterminado de árbores no Parque dos Remedios, ó pé da Ponte Vella e da capela dos Remedios co obxectivo de deixar libres as vistas sobre a propia ponte.

Estado actual dos traballos / foto Amigos das Árbores da Limia

Primeira corta de árbores no Parque dos Remedios de ourense / foto Amigas das Árbores de Galicia

Impacto das obras na ponte romana de Ourense / foto Amigas das Árbores de Ourense

Tres meses despois, en outubro, as máquinas comezaban os seus traballos e levaban por diante varias árbores de gran porte, probablemente, de preto de medio século. Hoxe no lugar, xa sen as árbores, as obras continúan e van collendo forma, deixando ver como o xardín orixinal ó pé da histórica ponte vai sendo substituído por varias estruturas de formigón.

Trátase dun proxecto da Consellería de Infraesruturas nomeado como de conservación e humanización da Ponte Romana que busca “potenciación das conexións peonís desde os distintos puntos da cidade cara a este conxunto patrimonial, coidando o mobiliario e creando un espazo para o lecer”, segundo se sinalaba dende a esta. O proxecto contempla un miradoiro e liberar a área do skate,  contando cun investimento superior ó millón de euros.

O feito devolve ó primeiro termo debate acontecido na cidade o pasado verán respecto a presenza das árbores na contorna dos monumentos históricos. Pois, precisamente daquela, o anuncio por parte de Gonzalo Pérez Jácome de cortar un enorme cedro que se sitúa na praza de Los Suaves, deu lugar a unha gran mobilización na que mesmo estivo presente Yosi, vocalista da histórica banda.

Pode que che interese...