É viable a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial?
É posible facer viable a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial? O Teatro Jofre acolleu o pasado día 22 o congreso Ferrol Destino Patrimonio Mundial, organizado polo Concello de Ferrol, que contou coa participación de destacados expertos nos eidos do patrimonio, da arquitectura ou do turismo, entre outros. O obxectivo do congreso, “difundir a candidatura de Ferrol, do Ferrol ilustrado, a patrimonio mundial” ó tempo que interrogarse sobre as fortalezas da candidatura.
A colaboración entre administracións: “vital”
As xornadas contaron ademais de coa participación de expertos en múltiples actos coa presenza de autoridades políticas de todas as administracións implicadas. Entre elas o alcalde, Ángel Mato, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez ou o vicepresidente da Deputación Xosé Regueira. A posición común compartida por todos eles “hai que ser capaces de crear as sinerxías para lograr o obxectivo”, como declaraba Mato.
O rexedor valorou a sintonía que existe tanto coa Deputación como coa Xunta e defendeu que a colaboración entre administracións é “vital” para que a candidatura ferrolá logre o seu obxectivo. “A declaración de patrimonio mundial é unha proba de fondo na que todos debemos poñer o noso grao de area”, afirmaba. Mentres lembraba que esta candidatura ten xa tras de si un longo percorrido de dúas décadas.
Implicación da cidadanía e educación
Máis as administracións soas non poden conseguilo. É por isto que a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, resaltou o valor da cidadanía. Explicou que o traballo desenrolado xa nestes vinte anos suma a iniciativas coma as que se están desenvolvendo nos centros educativos.
Estas iniciativas “axudarán a incrementar o cariño e o recoñecemento das veciñas e dos veciños de Ferrol por un patrimonio histórico magnífico”. A edil recoñeceu que a candidatura é unha carreira de longo percorrido na que existe unha ampla implicación tamén por parte das administracións pero tamén da xente.
Unha cidade con especial potencial
Ó potencial da candidatura referíronse tanto expertos como autoridades políticas. Rodríguez recoñeceu que “moi poucos lugares do mundo poden chegar a ser patrimonio da humanidade”, pero asegurou que Ferrol “é merecente desa categoría”, por tratarse, como cidade, dun ben “senlleiro, único”.
Tamén o vicepresidente provincial destacou os valores de Ferrol para obter a designación. “Tería, sen dúbida, un lugar privilexiado na lista de lugares patrimonio da humanidade”, considerou, e vaticinou que “a futura declaración suporá un incremento do turismo e máis recursos”.
Unha enorme oportunidade para a cultura, o patrimonio e o turismo
As xornadas contaron coa intervención de destacados expertos nos eidos do patrimonio, da arquitectura ou do turismo. Houbo relatorios como o de Manuela del Pilar Santos Pita, decana da Facultade de Humanidades de Ferrol, que afondou nos principios xurídicos que rexen as candidaturas a patrimonio mundial. Carmen Pérez Parapar, presidenta da delegación do COAG en Ferrol, disertou sobre os valores da cidade para converterse en patrimonio da humanidade.
Jordi Tresserras Juan e Alejandro Rodríguez Rodrigo, redactores da candidatura, falaron da culminación do expediente e aseguraron que a de Ferrol é unha candidatura única e excepcional, incluso superior outras declaradas. María Elvira Lezcano, profesora de Turismo da UDC, falou do impacto da declaración de patrimonio mundial nos sitios galegos.
Rafael de la Concha xefe da unidade de Turismo do Concello de Córdoba e coordinador rexional europeo surmediterráneo da Organización de Cidades Patrimonio Mundial, disertou sobre a organización de cidades patrimonio mundial e a importancia do traballo en rede. Ademais dos relatorios houbo quendas abertas ó debate nas diferentes mesas redondas.
O programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020 a través do proxecto MMIAH
Destacouse tamén o apoio que brinda Europa co proxecto MMIAH a través do programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020. Trátase dun programa europeo está a servir, en boa parte, “para a recuperación de espazos que forman parte da candidatura a patrimonio mundial”. Trátase do marco perfecto para desenvolver a candidatura a Patrimonio Mundial.
Un deles é o castelo de San Felipe, onde se está actuando na batería baixa e se lle vén de dar contido expositivo permanente á sala de cureñas. Tamén está en marcha un proxecto para mellorar a recepción da fortificación, así como a posta en valor das baterías de costa mediante a realización de vídeos, recreacións virtuais e a posta en marcha de rutas por estes espazos.
O proxecto MMIAH é un plan europeo liderado pola cidade de Ferrol e integrado por outras oito cidades, Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda), que busca pór en valor o litoral urbano do espazo atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras. O obxectivo é facilitar o seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica.