fbpx
Xacemento do Alto da Raia / foto romanarmy.eu

Escavan o que podería ser o elo perdido na conquista romana da Gallaecia

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado luns 24 de maio deu comezo unha nova campaña do colectivo de investigación romanarmy.eu. Nesta ocasión estará centrada nun recinto fortificado inédito na fronteira entre Galicia e Portugal. Trátase do sitio arqueolóxico de Alto da Raia, unha fortificación rectangular descuberta recentemente e que podería ter unha enorme importancia para entender a romanización do noso territorio.

E é que, segundo a hipótese que baralla o colectivo de investigación, podería tratarse, pola súa morfoloxía, dun campamento militar romano. O recinto foi identificado a través do procesamento a análise dos datos LiDAR e podería constituír un xacemento dun enorme valor histórico potencial para coñecer os procesos de conquista e asimilación deste territorio por parte de Roma.

Trataríase dun recinto fortificado de case tres hectáreas de tamaño que domina o val do río Salas. Nas imaxes xeradas pode apreciarse un socalco de terra que se conserva en tres das caras do recinto defensivo. Tamén pode existir un foxo exterior que complementaría polo exterior esta defensa.

Xacemento do Alto da Raia / foto romanarmy.eu

A morfoloxía do socalco, o tamaño e a disposición do recinto permite soster a hipótese de que se trate do campamento romano. A intervención arqueolóxica, que se desenvolverá ata o vindeiro venres 28 de maio en colaboración coa empresa Era-Arqueologia, busca validar esta hipótese e desenmascarar o potencial deste lugar.

Un proxecto para entender a romanización de Galicia e do Norte de Portugal

A intervención de Alto da Raia, do colectivo de investigación romanarmy.eu e liderado polo arqueólogo da Universidade de Exeter João Fonte, inscríbese dentro do proxecto Finisterrae, financiado pola Comisión Europea. Conta con apoio financeiro e loxístico do Município de Montalegre, Junta de Freguesia de Tourém, Ecomuseu de Barroso e do Concello de Calvos de Randín.

Xacemento do Alto da Raia / foto romanarmy.eu

Enmárcase, así, dentro deste ambicioso proxecto arqueolóxico que pretende coñecer cal foi o impacto da primeira romanización no amplo territorio localizado entre o sur de Galicia e o norte de Portugal. O proxecto leva desenvolvidas xa dúas intervencións previas ó longo de 2020, nos campamentos militares romanos de Alto da Pedrada (Soajo, Arcos de Valdevez) e de Lomba do Mouro (Castro Laboreiro, Melgaço e Verea, Ourense), todos eles localizados na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

O colectivo prevé que a intervención sexa transmitida en directo a través das redes sociais de romanarmy.eu. O luns, mércores e venres, o arqueólogo João Fonte realizará conexións dende o Alto da Raia no facebook corporativo de romanarmy.eu, ofrecendo a actualidade do estudo arqueolóxico e permitindo os usuarios coñecer a evolución da intervención.

Pode que che interese...