Esta é a única bandeira da II República que conservou en Galicia tras a guerra a Garda Civil
Forma cadrada, tres bandas do mesmo ancho, vermello, amarelo e morado e escudo bordado da República. Así, conforme aquel decreto de 27 de abril de 1931, é a única bandeira da República conservada en Galicia pola Garda Civil. Un emblema conservado na Comandancia de Lugo ata 1944 e que se atopaba dende aquela en Madrid.
O emblema, creado para esta mesma Comandancia, foi sufragada polos Concellos lucenses e donada polo goberno republicano ó corpo. A insignia daquel histórico período foi conservada pois nalgún momento entre os anos 1936 e 1944 ocultouse a franxa morada da bandeira, tapándose cunha tela de cor vermello.

A bandeira republicana na súa vitrina / foto Deputación de Lugo
A historia dunha bandeira republicana na Comandancia de Lugo
E é que en outubro de 1935 o Goberno da República concedeu unha bandeira nacional á Comandancia da Garda Civil de Lugo como recoñecemento ó labor realizado pola institución na provincia desde a súa creación en 1844. Tratábase dunha bandeira confeccionada e bordada, con todos os con seus accesorios, hasta, punta de lanza co escudo da provincia de Lugo, cintas e cordóns dourados.
A bandeira permaneceu na Comandancia de Lugo ata 1944. Mais o 1 de xullo dese ano a Dirección Xeral da Garda Civil ordenou a retirada de todas as bandeiras que foran entregadas durante a República, quedando depositada no Museo do Exército de Madrid. No 2004 pasou ó Museo de Gardas Xóvenes de Valdemoro.
Alí a localizou o coronel xefe da comandancia luguesa, Miguel Ángel González Arias. El mesmo investigou sobre o seu paradoiro e a súa historia e finalmente conseguiu que, con motivo do 175 aniversario da fundación da Garda Civil, a bandeira retornara a Lugo no ano 2019. A insignia foi cedida á Comandancia en depósito, logo de 75 anos en Madrid.

A bandeira republicana na súa vitrina / foto Deputación de Lugo
Unha nova vitrina da Deputación para conservar a histórica insignia republicana
O pasado 4 de maio o presidente da Deputación de Lugo entregou unha vitrina para conservar a bandeira. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e dous deputados fixeron a entrega ó coronel xefe da Comandancia Garda Civil, Miguel Ángel González Arias. Ó acto, celebrado no Pazo de San Marcos, asistiu tamén a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López.
Tomé Roca deu así resposta á petición que a principios deste ano fixo chegar o propio oficial superior da Garda Civil á institución provincial. “É unha honra poder axudar a conservar parte do legado histórico da nosa provincia e do país. Este é un emblema único do corpo armado en Galicia e esta dotación permitirá, dunha banda, manter unhas condicións ideais de illamento para evitar o seu deterioro e, doutra, expoñelo á cidadanía”, afirmou o Presidente.
A vitrina, financiada pola institución provincial, é un moble cunha superficie de vidro que se situará no vestíbulo da Comandancia e permitirá amosar a bandeira completamente estendida e conservala nun estado óptimo, protexida dos cambios de temperatura, humidade e po que puideran danala.