fbpx
Proxecto para a intervención na zona e imaxe da histórica Peixería / fotos Concello de Ferrol e Turismo de Galicia

Ferrol recuperará a degradada contorna da histórica Peixería, a xoia modernista de Ucha Piñeiro

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Ferrol derrubará a nave provisional do mercado da Magdalena, mellorará os seus espazos urbanos na contorna e rexerará o ámbito paseo do Túnel-costa de Mella, ó carón do histórico edificio do arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro. Así o anunciaba a concellería de Urbanismo, que ten preparado xa o prego para a contratación destas obras.

O concelleiro Julián Reina deu conta do contido do documento na reunión ordinaria da Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación celebrada o pasado 5 de maio. Con el o Concello prepara a actualización do proxecto de demolición da nave e de rexeneración urbana dunha zona dunha especial importancia.

Peixería de Ferrol, detalle / foto Turismo de Galicia

Un monumental espazo a mellorar ó carón da histórica peixería de Ucha

O proxecto de execución, que data de abril do 2015, inclúe tanto a demolición da nave provisional coma a recuperación de todo o espazo situado entre a peixería de Rodolfo Ucha e a alameda do Carbón. As obras orzamentadas daquela serán de 1,1 millóns de euros, impostos incluídos, e contarían cun prazo de execución de seis meses dende o inicio dos traballos.

Así, o novo espazo xurdido tras o derrubo do edificio servirá para xerar tanto unha zona destinada ós máis pequenos, coma áreas que poidan ser ocupadas temporalmente para diferentes fins, incluso por terrazas. O documento contempla a demolición da cuberta que une a nave co edificio anexo á rúa da Igrexa, para dotalo dunha nova moito máis integrada no entorno.

Actuarase tamén sobre a fachada da estrutura, co fin de mellorar a súa estética, mediante a construción dunha envolvente de aceiro. Inclúese tamén a reforma dos aseos e no referido á accesibilidade, o obxectivo é mellorar a comunicación da rúa da Igrexa coa explanada inferior a través dunha rampla e unha escalinata.

Tras a renovación de todo o pavimento, contémplase a instalación de mobiliario urbano con diversas funcións, creando zonas de estancia e recreo, e entre a alameda e a nova praza inclúese unha grada con pantalla incorporada para a exhibición de audiovisuais. Agárdase que esta actuación serva para recuperar este espazo degradado e darlle nova vida a un espazo especialmente importante dende o punto de vista patrimonial.

Aspecto actual da Peixería de Ferrol / foto Zarateman CCBy Wikimedia

Pode que che interese...