fbpx
Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego, obra de Domingo de Andrade / Consorcio de Santiago

Guía para gozar deste 18 de maio, Día Internacional dos Museos

Tempo de lectura: 3 min.

Galicia celebgra o ‘Día dos Museos‘ con decenas de propostas. En concreto, a Xunta proxectou preto de 30 actividades, presenciais e en liña, nos centros museísticos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que inclúen visitas guiadas, talleres, música e teatros.

As conmemoracións do Día Internacional dos Museos terán como acto central a xornada institucional este 18 de maio presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, desde o Centro de Arte Contemporánea de Galicia (CGAC), coa participación dos responsables dos museos da Xunta. A programación de actividades concéntrase nas principais cidades galegas: A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Lugo, respectivamente.

O Museo de Belas Artes da Coruña ofreceu xa este sábado 15 de maio visitas guiadas ás 12,00, 18,00 e ás 20,00 horas, ademais de talleres en familia e o concerto de Paul Álvarez Project, proposta musical que fusiona flamenco e jazz, que se poderá seguir tamén en liña. Tamén se presentará este martes 18 de maio o proxecto Audioguías Emocionais, realizado co IES Menéndez Pidal, no que o alumnado participante falará das sensacións que lle transmiten as obras escollidas. Finalmente, o 22 de maio representarase o espectáculo teatral ‘Manuela é unha inuit’, de Sr.López Produccións.

SANTIAGO

Por outra banda, Compostela organizou este sábado 15 de maio un taller de ilustracións nos soportais do Museo das Peregrinacións, co ilustrador e humorista gráfico Xosé Tomás. A celebración continúa o domingo co concerto ‘Cores, contos e rock’roll’ con Ramona Órbita, dirixida a un público infantil.

Xa este martes 18 de maio haberá outro concerto de Abraham Cupeiro no museo. O CGAC desenvolverá os días 18 e 19 dúas sesións do taller en liña Escoita profunda, e do 20 ao 22 terá lugar un ciclo de proxeccións abertas ao público acerca de Paulino Oliveros, ademais dunha ruta arqueolóxica por Santiago, partindo do CGAC, o día 22. O domingo 23, as persoas poderán gozar dunha visita guiada ás instalacións do centro ás 12:00h.

Na Cidade da Cultura, ou Museo Centro Gaiás apostará pola programación en liña. De 10,00 horas a 14,00 horas, desenvolverase un programa de visitas en liña para centros escolares. Ás 17,00 horas, terá lugar unha visita tamén a través da rede, á exposición Faraón para todo o público interesado. A programación do Día dos Museos no Gaiás inclúe tamén a estrea en Compostela de Formas da Aparencia, peza audiovisual da artista Verónica Vicente.

OUTRAS PROPOSTAS

Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ofrecerá este martes 18 a actuación de Quico Cadaval, ‘A memoria reimaxinada’, no Liceo de Ourense, que se poderá seguir tamén vía Internet. Ademais, organizaranse talleres para o público máis novo e unha actividade didáctica para escolares de Primaria. Ata o 13 de xuño proxectarase sobre o edificio do museo da Praza Maior un vídeo con imaxes do centro en diferentes épocas e unha recreación do futuro estado do museo despois de acabar as obras iniciadas no mesmo.

O Museo Etnológico de Ribadavia ofrece este sábado 15 de maio un concerto de música folk a cargo de Antonio Luís Pedraza. O vindeiro venres 28 presentarase unha colaboración entre o centro museístico e o CIFP Portovello de Ourense, a través do Proxecto Museo Aberto 2021.

No Museo do Viño de Galicia, difundiranse a partir do martes 18 de maio pequenos vídeos de recolectores de diferentes denominacións de orixe sobre a elaboración dos viños.

O Museo do Mar de Vigo organiza unha xornada de portas abertas este martes 18 de maio e o Museo Massó, de Bueu, terá visitas guiadas gratuítas todos os sábados do mes de maio de 12,30 horas a 14,30 horas, ademais de talleres en liña.

Doutra banda, o Museo de Castro de Viladonga de Lugo ofrecerá un concerto en liña de Germán Díaz e unha selección audiovisual do evento ‘Noites dous museos’ desde 2015.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: