fbpx
Guardia Mora / foto Bibioteca Virtual de Defensa CC0 Wikimendia

Mohammed ben Mizziad, o militar marroquí que Franco nomeou capitán xeneral de Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

Houbo un tempo en que os exércitos españois estiveron formados por tropas das colonias españolas en África, en concreto de Marrocos. Foi o chamado Exército de África ou Garda Mora e xogou un papel capital tanto no desenvolvemento da Guerra Civil como da conseguinte represión que o Franquismo exerceu tras a vitoria.

Este exército foi creado como resposta á resistencia das tribos do Rif, ou zona norte marroquí, no protectorado español que este país tivo nesta zona entre 1912 e 1958. Estas tropas africanas tiveron reputación de crueis asasinos e entendían a guerra como un botín que explotaban mediante a violación, a tortura e a pillaxe.

Este foi precisamente o exército que capitaneou Mohammed ben Mizzian ben el Kasem, un dos militares determinantes da Guerra Civil, que foi Capitán Xeneral de Galicia e que chegou mesmo a ser, máis tarde, Ministro de Defensa de Marrocos, sendo tamén embaixador deste país en España.

Mohammed en novembro de 1924 foto Dominio Público El Pais

O neno que impresionou a Alfonso XIII

Mohammed ben Mizzian naceu en África, en Beni Ensar, Nador, o 1 de febreiro de 1897. Fillo dun miliciano da tribo Mizzian, fiel á colonización española. A lenda do militar relátase xa dende neno, cun curioso episodio tinguido de mito que recolleu tras as súas vitorias un xornal local de Melilla.

Cóntase que o rei Afonso XIII visitou a escola indíxena onde el estudaba de neno. O rei tería chamado o encerado ó estudante Mohamed ben Mizzian que resolveu un complicado problema de regra de interese e foi quen de sinalar no mapa ríos, rexións e capitais de Europa. O monarca impresionado preguntou que quería ser de maior e o cativo respondeu sen dubidalo que “capitán” dos exércitos.

Así, recibiría a promesa do rei de patrocinar a súa admisión nunha academia militar española. Ós 16 anos, tras quedar orfo do seu pai na Guerra do Rif, entraría na Academia de Infantería de Toledo, que, segundo se conta, precisaría da modificación da lei para acollelo, xa que a academia non admitía estudantes non cristiáns.

Un dos máis importantes activos do exército de Franco

Mito ou realidade o certo é que ben Mizzian desenvolveu estudos militares nesta academia de infantería, abandonándoa xa co grao de segundo tenente. Tras disto foi destinado no Exército de África, no que tería ascendido con rapidez, e no que tamén sería ferido, na Segunda Guerra do Rif, en 1921, combatendo contra o seu propio pobo insurrecto. É nesta época cando entabla amizade con Franco.

Tropas marroquís nunha celebración en 1938 / foto Dominio Público

Chega finalmente a capitán, tal e como quería de cativo, en 1923 e en 1925 xa era comandante. Así, tras o golpe de Estado de 1936, Mohammed comanda tropas sublevadas. Participaría na fronte marroquí, na marcha sobre de Madrid, dirixiu a columna galega na invasión de Asturias e como coronel ó mando da 1a División de Navarra participou na batalla do Ebro e na campaña en Cataluña.

El mesmo foi ferido na batalla de Madrid, mais peor sorte correron os seus inimigos. Pois o seu exército destacaba pola súa violencia extrema, violacións, asasinatos e saqueos, cometendo múltiples crimes de Guerra. Entre elas pillaxes a punta de canón entre a poboación civil, como o roubo de xoias e a extracción de dentes de ouro.

Capitán Xeneral de Galicia

Tras a guerra Mohammed foi nomeado comandante xeneral de Ceuta e máis tarde xeneral. En 1953 é ascendido a tenente xeneral, sendo destinado á VIII Rexión militar, é dicir, como Capitán Xeneral de Galicia, o rango militar máis alto no noso territorio e no Franquismo a maior autoridade en Galicia por baixo do ditador.

Fusilamento durante a Guerra Civil Española / foto Dominio Público

Foi un cargo que ostentaría tan só dous anos, dende xuño de 1953 ata o mesmo mes de 1955, ano no que pasou a ser Capitán Xeneral das Illas Canarias. Mais alí tamén duraría dous anos, pois en 1957, cando o protectorado marroquí conseguiu a independencia, ingresou no exército dese país.

Nese exército chegou a ostentar o rango de mariscal, a maior gradación militar dese país. Non en van uns anos antes, en 1964, o rei, Hassan II, nomeárao Ministro de Defensa. Tan só dous anos despois volvería a Madrid, nesta ocasión como embaixador de Marrocos en España, cargo que ostentaría ata 1975.

Un musulmán con devoción polo Santiago Matamoros

Nese mesmo ano, co mesmo réxime franquista tamén agonizando, Mohammed cae enfermo. É trasladado a Rabat máis finalmente perde a súa vida o 1 de maio de 1975. Tras de si deixaba un papel especialmente determinante na vitoria do Franquismo na Guerra Civil, así como un enorme historial de asasinatos violacións, saqueos e crimes de guerra por parte dos seus exércitos.

Peza de artillería durante a Guerra Civil / foto Public Domain Wikimedia

Exemplo disto foron os máis de 200 feridos asasinados con granadas de man no hospital de San Juan Bautista de Toledo, ou as violacións múltiples das súas tropas, como as de Manresa. De feito, tal e como se relata, Mohammed mesmo prometía ás súas tropas mulleres brancas se acadaban vitoria en Madrid.

Tal e como relatan algúns medios, o seu paso por Galicia, destacou pola súa peculiaridade, o seu talante “simpático e campechano”, contando el mesmo anécdotas do seu paso por Galicia, a maioría falsas, como ter feita a ofrenda ó Apóstolo. Tivo sete fillos e fillas algúns deles casados con cristiáns. Tras a súa morte, unha das súas fillas, Leila, no ano 2006, abriu na súa cidade natal un museo privado na súa memoria, nunha antiga casa doada por Franco.

Guardia Mora / foto Bibioteca Virtual de Defensa CC0 Wikimendia


Para saber máis: Poden consultarse varios artigos sobre Mohammed nos xornais nacionais El País, Mundiario e ABC. Neste último pode consultarse nun arquivo histórico a súa condecoración. Sobre o seu paso por Galicia pode lerse o artigo de La Voz de Galcia de Carlos Fernández.


Pode que che interese...