fbpx
Cartaz e O Sorriso de Daniel

Nova campaña enchida de sorna de O Sorriso de Daniel para esixir que Abraham e Isaac queden en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Libertad. Os profetas do Mestre Mateo non queren que os leven a Madrid”. Con esta sorna a asociación O Sorriso de Daniel, un dos grandes referentes da protección, estudo e divulgación do patrimonio medieval de Galicia, queren reivindicar a permanencia das dúas esculturas dos profetas, que hoxe se atopan no Pazo de Meirás, en Galicia.

E é que o pasado 20 de abril coñecíase a nova de que a Audiencia Provincial da Coruña fallaba a favor da familia Franco, devolvéndolle os bens mobles situados a día de hoxe no interior do Pazo de Meirás. A sentencia determinaba que a demanda da parcela catastral feita pola Avogacía do Estado non inclúe os seus bens mobles, así como que os Franco deberán ser indemnizados polos danos e prexuízos que lles puido ocasionar esta situación.

Detalle do cartaz de O Sorriso de Daniel

Entre o extenso catálogo de antigüidades, moitas delas desaparecidas ata a apertura ó público do pazo, atópanse dous Bens de Interese Cultural (BIC) declarados pola administración autonómica, estas dúas esculturas do taller do Mestre Mateo e máis a biblioteca de Emilia Pardo Bazán. Tal e como recollían varios medios a familia Franco tiña intención de retiralas todas.

Precisamente por isto moitas voces foron as que lle pediron á Xunta que actuara de urxencia para evitar a saída das pezas BIC de Meirás. Pois ó ser obras pertencentes ó patrimonio cultural galego a Dirección Xeral de Patrimonio podería, tal e como opinan algúns expertos, ó non estar garantizada a súa seguridade ou integridade non autorizar a saída. Mais polo de agora non existe ningún pronunciamento por parte desta administración.

Sexa como for O Sorriso de Daniel teno claro. As dúas esculturas, obras cumio da nosa arte románica, debería permanecer en Galicia. Así con sorna apelan a vontade das estatuas de ficar no lugar no que foron creadas. Dúas esculturas que máis alá de dous profetas, previsiblemente Abraham e Isaac, xa son a día de hoxe un verdadeiro símbolo da loita da democracia contra a familia do ditador.

Pode que che interese...