fbpx
Canón, posiblemente da Armada Invencible, sendo espoliado en Ribeira / Garda Civil

Recuperado un canón espoliado en Ribeira que podería ser da Armada Invencible

Tempo de lectura: 2 min.

A Garda Civil, nunha investigación conxunta levada a cabo polo Equipo Territorial de Policía Xudicial da Garda Civil de Noia
(A Coruña) e a Sección de Patrimonio Histórico da Unidade Central Operativa (UCO), recuperou un canón que fora espoliado na localidade coruñesa de Ribeira. Pendente do seu estudo para determinar antigüidade eprocedencia, a criterio de expertos da Xunta de Galicia, podería  pertencer a algunha das naves enviadas por Felipe II para combater a Inglaterra en 1596

A investigación iniciouse tras coñecerse a noticia do achado casual de tres canóns aparentemente de bronce por parte de mariscadores da zona o pasado 14 de abril e a desaparición dun deles cando, ao día seguinte, autoridades da Xunta de Galicia apoiadas pola Armada puideron recuperar só dous dos canóns localizados inicialmente, sospeitándose que o terceiro podería ter sido espoliado.

VÍDEO DO ESPOLIO

Segundo apunta a Garda Civil nun comunidado, as primeiras actuacións levadas a cabo centráronse na existencia dun vídeo no que aparecían as imaxes do canón sendo roubado cando aínda se atopaba mergullado. Este feito, xunto ás contradicións do relato ofrecido por algúns dos investigados e a denuncia da Xunta de Galicia, fixo posible que a Garda Civil fose identificando a quen poderían participar na desaparición do canón, ademais de esclarecer se o mesmo puidese estar fondeado nalgún lugar seguro ou escondido nalgunha das propiedades dos investigados.

Gardas Civís recuperan un canón de bronce do século VXI espoliado en Ribeira / Garda Civil

Finalmente, conseguiuse recuperar esta valiosa peza que, probablemente, foi reflotada a mesma noite da súa localización e que finalmente foi entregada por un dos investigados no Posto Principal da Garda Civil de Boiro (A Coruña). “Sospéitase que o espolio se debe ao capricho persoal dalgún dos investigados, ao ver o canón como un bo obxecto de decoración”, apunta. ” Máis aló do valor que se podería obter da fundición do mesmo, a súa maior importancia radica na valiosa información histórica e arqueolóxica que achega, a cal se perde cando se extrae a peza do seu contexto e localización, danando, moitas veces de maneira irreversible, o xacemento arqueolóxico subacuático no que se atopaba”,engade.

MUSEO DO MAR DE VIGO

En coordinación co Servizo de Arqueoloxía da Xunta, decidiuse trasladar o canón ao Museo do Mar de Vigo, onde se iniciarán os traballos para tratar de estabilizar o metal do que está composto. Da mesma maneira, serán agora estes técnicos quen tratarán de estudar a súa procedencia e datación.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: