fbpx
Muro de San Paio / foto Turismo de Santiago

Santiago eliminará a inscrición a Primo de Rivera da praza Quintana

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado día 27 o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu un acto no que se estableceu un fito para a cidade e un acto de xustiza para o seu pasado. Foi a sesión constitutiva da Comisión Especial de Memoria Histórica da cidade.

Trátase dunha comisión constituída para “empezar a abordar a situación daqueles elementos que, dende o punto de vista da Lei de Memoria Histórica, se debera actuar sobre eles”, en palabras do seu alcalde. A comisión estará composta polo concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte, os voceiros ou concelleiros dos catro grupos municipais con representación e o secretario municipal, José Ramón Alonso.

A Comisión completarase coa participación de representantes das asociacións veciñais e das asociacións de memoria histórica, así como da Cátedra de Historia da USC.

Muro de San Paio / foto Turismo de Santiago

Eliminar a inscrición de Primo de Rivera da Quintana

Sánchez Bugallo deu como exemplo de actuación sinalou a inscrición situada na praza da Quintana: “que non é doado porque é una gravación na propia pedra do convento”. A comisión asesora de patrimonio histórico e os membros da ponencia técnica “están estudando diferentes alternativas para eliminar ou reducir o impacto desa imaxe”.

Entre estas propostas estarían rebaixar a pedra, encher con morteiro a inscrición ou substituír as pedras afectadas. Para isto, encargarase un estudo a empresas especializadas en restauración, co obxectivo de que poidan presentar propostas co menor impacto posible sobre este espazo Patrimonio Mundial.

A inscrición sitúase sobre a placa que recorda ao Batallón Literario, un colectivo de universitarios que se alistaron como voluntarios na Guerra de Independencia contra os franceses. O alcalde tamén se referiu a outros elementos “nalgunha escola unitaria e nalgún edificio privado da cidade” sobre os que a Comisión deberá valorar as “actuacións a realizar”.

 

Sesión constitutiva / foto Concello de Santiago

Unha Comisión para aplicar a Lei de da Memoria Histórica

Coa constitución desta comisión dáse cumprimento ao acordo plenario adoptado o 26 de setembro de 2019. O funcionamento e creación das comisión está regulado no título VIII do Regulamento orgánico municipal do Pleno do Concello, que establece no seu artigo 117 que “o Pleno acordará a creación, o número e a denominación das comisións previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia”.

Tamén que “en concordancia coas disposicións vixentes de carácter estatal, que estarán formadas polos membros que designen os grupos políticos en función do número de concelleiros e/ou concelleiras que teñan no Pleno e polos concelleiros e concelleiras non adscritos, de acordo co previsto neste regulamento e nos seus acordos de creación”. Poden ser permanentes ou especiais, afírmase no texto.

 

Pode que che interese...