SOS Caldaloba, a última torre que lle fixo fronte á “doma e castración” do Reino de Galicia
Máis dun cento de persoas, convocadas por diversas entidades culturais da Terra Cha, concentráronse ante a torre de Caldaloba, no concello de Cospeito, para reclamar a recuperación desta fortaleza. Caldaloba foi escenario da resistencia de Constanza de Castro –filla do Mariscal Pardo de Cela– e do seu marido, Fernán Ares de Saavedra, ao asedio de 1484.
Esta protesta, que se realizou baixo o lema ‘Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a nosa historia’, contou co apoio de diferentes representantes do BNG.
A fortaleza viviu a resistencia da nobreza galega fronte aos Reis Católicos ao final da Idade Media, pero actualmente atópase nun estado de degradación. Os manifestantes reclaman a implicación da Xunta para que se realice unha actuación inmediata que consolide a súa estrutura, así como un proxecto de rehabilitación e a posta en valor do inmoble e a contorna. Toda a información en Lugo Xornal.