fbpx
O barco de dorna atopado (detalle) / foto Ecomuseo de Arxeriz

Un barco feito con dúas toradas ocas de castiñeiro, así se recuperou último ‘barco de dorna’ da Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 3 min.

O derradeiro barco de dornas do que temos coñecemento. Esta é a peza única que o Ecomuseo de Arxeriz, na Ribeira Sacra, puido rescatar antes de desaparecer para sempre, para a súa futura exposición no museo. Trátase dunha embarcación tradicional que se daba por desaparecida e que se empregou no entorno do Miño e do Sil ata que na segunda metade de século desapareceu coa construción dos encoros.

O último barco de dornas

O barco de dornas é unha tipoloxía de embarcación en tempos moi común na Ribeira Sacra, na zona de confluencia dos ríos Miño e Sil,  entre a zona de S. Cosmede e a desembocadura do río Cabe, entre Pantón e Noguera de Ramuín. Trátase dun tipo de embarcación moi peculiar empregada para a pesca fluvial servizos propios da ribeira.

É unha embarcación tradicional cunha orixe ancestral, moi polivalente, que por algún motivo, co paso do tempo, foi quedando relegada a esta zona de Galicia entre Os Peares e Belesar onde navegaron as últimas.

Recibe o nome de “barco de dornas” por estar feito con dúas toradas de castiñeiro, “dornos/dornas”, baleirados por dentro cunha aixola e machada que cumpren a función de flotadores da embarcación. Destaca por ter no extremo máis alto de cada torada unha proa apuntada denominada “biqueira” e estar pechada na parte de atrás cunha táboa ou“ tempo”, sobre unha pequena prolongación aplanada do propio tronco que lle axuda á navegabilidade denominada “recabé”.

Cada torada está escavada no interior  dun xeito regular dun extremo a outro , dando a aparencia dunha canoa. As dúas toradas dispóñense en paralelo a 1 metro aproximadamente e xúnguense cuns traveseiros uxeitos por unhs “bios” de madeira. A dorna mide 3,20 m. de longo por 1´70 m de ancho e a biqueira ten 76 cm de alto. Os remos, de castiñeiro, miden 3´60 m. e descansas nun ferro cravado chamado “o cambón”

Un excepcional achado agardando en terra

Unha especie de canoas de madeira que aparentaban ser moi vellas. Con esta idea un veciño e amigo do museo, aconsellarse polo investigador e xornalista Manuel Gago, achegouse ó Ecomuseo. No baixo dunha casa da Ribeira Sacra atopara algo que lle chamara poderosamente a atención. Tratábase da excepcional embarcación, a última conservada deste barco de dornas.

Barco de dorna navegando / foto Ecomuseo de Arxeriz

O barco localizábase na última casa do lugar do aparcadeiro ferroviario de S. Estevo a carón da desembocadura do río Cabe no Sil, no concello de Pantón, fronte de A Barca de Sober. O Museo deu localizado ó seu dono, Isidro, quen relataba que o barco era empregado polo seu pai para ir de pesca polo Sil a coller anguías, troitas e salmóns con galaritos, nasas e trasmaios.

Segundo relata, os peixes metíanse na cavidade do tronco coa auga suficiente para que  se mantivesen vivos antes de descargalos en terra ou en pías para mantelos días. Tal e como conta Isidro, o barco teríase feito no ano 1945 para substituír ao anterior, xa moi desgastado, navegando nas augas do Sil ata o 1959. Dende ese ano, coa construción do encoro de S. Pedro e o cegado da faciana natural do río, o barco agardou ata hoxe nos baixos da casa de Isidro.

Pode que che interese...