fbpx
Pedregal de Irmia / foto Concello de Meira

Un novo futuro para o lugar no que nace o río Miño?

Tempo de lectura: 2 min.

A 700  metros de altitude, nunha paisaxe única e chea de lendas, xurdindo baixo as pedras dunha morrena ou restos dun antigo glaciar, baixo grandes penedos que descenden da anta da Serra de Meira. Así nace o río Miño. O gran río galego percorre 315 quilómetros e atravesa 3 das 4 provincias galegas, facendo fronteira con Portugal. O Pedregal de Irimia é o seu excepcional berce.

O considerado como un dos lugares máis singulares e representativos de Galicia, situado no concello de Meira, en Lugo, o Pedregal de Irimia terá moi pronto unha nova vida. Pois a Deputación de Lugo e o Concello de Meira queren darlle un novo coidado ó lugar e comezar a traballar conxuntamente para a súa posta en valor, dándolle ó lugar o tratamento que merece.

Así a institución provincial e o Concello investirán 37.400€ en dúas actuacións de enorme relevancia para a recuperación do lugar. Por unha banda mercarase nunha finca de 5.528 m2 ó carón do Pedregal. Pola outra construirase un paseo fluvial que una esta zona co monumental núcleo urbano do municipio, a tan só 3 quilómetros, permitindo pór en valor este territorio unindo ambos lugares.

Unha colaboración conxunta para este gran espazo cultural e natural

Así o acordaron o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde do concello de Meira, Antonio de Dios, na sinatura dun convenio a adquisición dos terreos e a construción do paseo. Mercarase así unha finca de 5.528 m2 coñecida como Monte Irimia, que está situada no entorno do Pedregal e procederase a proxectar un paseo ó pé do Miño.

Para estas actuacións a institución provincial aportará o 67% do custe, e investirá na posta en valor da zona uns 25.000€, mentres o Concello o que aporta os 12.400€ restantes. Investiranse por tanto uns 37.400€ iniciais para a compra de terreos. Ademais, ambas entidades acordan a construción do paseo fluvial que permita a unión desta zona co resto da vila, nunha futura partida.

E é que este lugar está considerado como un verdadeiro referente cultural, pero tamén unha zona de especial valor natural que conta protección medioambiental. Deputación e Concello coincidiron na vontade de colaboración para promover todas aquelas accións que permitan a súa conservación deste excepcional espazo e da súa posta en valor.

 

Pode que che interese...