fbpx
Arquitectura Límite / foto David García Louzao Fundación María José Jove

Un proxecto para documentar as arquitecturas límite do borde litoral máis longo de España

Tempo de lectura: 2 min.

No bordo costeiro, axeitadas ó territorio, onde o mar o condiciona todo. Alí se atopa a nosa arquitectura máis límite, entre o mar e a terra, onde a franxa costeira funciona como liña divisoria entre terra e océano, onde a arquitectura se localiza entre dous mundos.

Así é o proxecto Arquitectura Límite un proxecto que pretende revisar e debater o potencial do patrimonio arquitectónico industrial e as paisaxes industriais situados ó longo da costa da provincia da Coruña. Mediante un inventario xeral de bens búscase comprender mellor a morfoloxía desta arquitectura e a súa adecuación secular á contorna.

Trátase dun proxecto da patrocinado pola Deputación da Coruña e a Fundación María José Jove e do seu Museo Virtual. O proxecto conta coa dirección de Susana González, da coordinación científica do arquitecto Carlos Quintáns e o respaldo de grandes profesionais, así como da fotografía de David García Louzao.

Un proxecto para recoller a arquitectura industrial de máis de 956 quilómetros de costa

Inventariar a arquitectura na expresión tanxible da identidade do territorio, a través dun tramo de costa, o da provincia da Coruña, que abrangue ata 956 quilómetros. Unha zona de gran importancia, cunha atractiva xeografía e potencial turístico, que inclúe construcións desde a prehistoria ata a actualidade, consecuencia da complexidade nas formas e formas de habitar.

A través da catalogación e a documentación gráfica destas construcións, recóllense preto de 300 conxuntos arquitectónicos de diferentes tipos: muíños de mareas, muíños de vento, estaleiros, cetareas, conserveiras, secadoras ou pontes. Un patrimonio cargado de valores simbólicos, etnográficos, urbanos, civís ou industriais.

Mapas, levantamentos 3D, roteiros ou consversas

Unha escolma con exemplos presentados mediante fotografías e un pequeno análise, así como a realización de composicións en 3D que axuden a comprendelas. O obxectivo de resaltar esta selección de inmobles é facer fincapé na súa singularidade; no seu valor histórico e arquitectónico e na importancia da súa conservación e difusión, contribuíndo a evitar o seu deterioro ou desaparición.

O proxecto conta con mapas, levantamentos 3D, tipoloxías, conversas, roteiros e outros recursos didácticos. Ademais coa toma de fotografías con dron, pretendendo reforzar de xeito visual, cunha estética moi coidada, a idea principal do proxecto, é dicir, afondar no análise das arquitecturas industriais que se sitúan no bordo costeiro, ó tempo que se ofrece unha perspectiva novidosa de difundir o patrimonio industrial.

Arquitectura Límite / foto David García Louzao Fundación María José Jove


Para saber máis: pode consultarse a páxina web do proxecto neste link. Tamén a páxina da Fundación María José Jove.


 

Pode que che interese...