fbpx
Casa Cornide na Cidade Alta da Coruña / foto HdG

A Casa Cornide conta xa coa máxima protección que a lei lle dá ó patrimonio galego

Tempo de lectura: 4 min.

Un monumento de carácter sobranceiro que constitúe un exemplo moi escaso da arquitectura residencial deseñada e construída na época da Ilustración en Galicia. Unha arquitectura de grande calidade material e de composición e cun alto grao de integridade nas súas estruturas e formalización. Así define o goberno autonómico a Casa Cornide un dos edificios históricos máis singulares da cidade da Coruña e que dende a pasada semana conta coa mesma protección que calquera Ben de Interese Cultural (BIC).

E é que o goberno galego acaba de incoar o expediente para declarar a Casa Cornide como BIC. Trátase do inicio dun procedemento que culminará coa declaración desta categoría que define o máximo grao de protección do que goza o patrimonio galego, e que lle outorga xa a partir deste momento a mesma protección ó inmoble.

Casa Cornide na Cidade Alta da Coruña / foto HdG

Así, coa incoación do procedemento por parte da Xunta para declarala BIC, aplícase de forma inmediata o réxime de protección que establece a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia para os bens de interese cultural, na categoría de monumento. Empeza, así, a ser efectivo o réxime que establece a Lei este tipo de patrimonio.

Tal e como recolle a lei a protección aplicarase ós espazos e sistemas construtivos, ós elementos decorativos ou ornamentais e á totalidade dos bens existentes no interior do inmoble que poderían constituír xunto a este unha unidade singular. Cláusulas son fundamentais para salvagardar tanto o inmoble como os elementos arquitectónicos do seu interior.

Detalle da Casa Cornide na Cidade Alta da Coruña / foto HdG

Un monumento único que o Concello da Coruña quere recuperar

A incoación deste expediente supón a resposta favorable da petición de declaración por parte do Concello da Coruña, que desenvolveu un importante traballo para levar a bo termo a futura declaración, e con ela a protección do inmoble. Unha petición documentada extensamente cun informe histórico elaborado por Emilio Grandío Seoane e mais un estudo artístico desenvolvido polo catedrático de historia da arte Alfredo Vigo Trasancos.

Os informes foron remitidos á Dirección Xeral de Patrimonio o pasado novembro e contestados favorablemente a semana pasada. Así, dende o Concello, a través da súa alcaldesa Inés Rey, amosouse a satisfacción pola nova, avalando as accións que dende dous consistorios de cores políticas distintas levan, levan desenvolvidas para conseguir a protección do edificio e tamén para recuperar todo o conxunto para a veciñanza.

Detalle da Casa Cornide na Cidade Alta da Coruña / foto HdG

Trátase de “lle devolver á cidade un patrimonio que é de todas e todos os veciños da Coruña”. Tamén, segundo o consistorio, recuperar o edificio espoliado pola familia Franco e que culminarán, unha vez que se distinga con esta catalogación, cun proceso xudicial que lle devolva o inmoble ó veciños. Un proceso que comezou co encargo dun informe á UDC, en que se demostra que a permuta, poxa e venda da casa a Carmen Polo foi ilegal e en que se defende a titularidade pública do inmoble.

Unha xoia da Ilustración no corazón da cidade

A alcaldesa engadiu que agarda que pronto se poida facer un inventario do que se atopa dentro do edificio xa que, segundo as persoas expertas, podería haber pezas dun incalculable valor histórico. Tamén sinalou que os servizos xurídicos do Concello están estudando a vía xudicial que garanta a maior seguridade de cara a recuperar esta xoia da Ilustración.

Casa Cornide na Cidade Alta da Coruña / foto HdG

No ditame, fálase de que a Casa Cornide posúe elementos moi singulares e mesmo únicos no referido á planificación, estilo e ornamentación arquitectónica. Tamén que está relacionado coa residencia dunha das máis destacadas personalidades en Galicia e en España do Século das Luces, José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra.

A Casa Cornide, como recoñecen  as conclusións achegadas polo Goberno autonómico que coinciden coas expostas polos autores dos estudos é un exemplo moi escaso da arquitectura residencial deseñada e construída na época da Ilustración en Galicia. Nelas faise fincapé, tamén en que a Casa ocupa un lugar de relevancia no contexto urbano da Cidade Vella da Coruña, no corazón da cidade, ó que se suma o seu amplo recoñecemento social.

Pode que che interese...