fbpx
Ribeira Sacra / foto danirodriguezfotografiaCC0

A Xunta retira temporalmente a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial “para fortalecela”

Tempo de lectura: 3 min.

“Fortalecer e seguir mellorando aspectos que nos permitan acreditar con toda a forza os valores excepcionais da Ribeira Sacra” para conseguir “acadar o máximo recoñecemento da Unesco”. Ese é o obxectivo polo que a Xunta de Galicia e o Goberno central veñen de acordar conxuntamente o aprazamento estratéxico do último paso na presentación da candidatura da Ribeira Sacra ó Comité do Patrimonio Mundial.

Así o anunciaron hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, tras unha reunión mantida en París. Ó remate do encontro, o responsable de Cultura da Xunta de Galicia explicou que esta decisión “é unha oportunidade para fortalecela”.

A candidatura é un proceso esixente, polo que os técnicos do Ministerio e da Consellería de Cultura continuarán traballando conxuntamente para estar na fase final no prazo de tempo máis breve posible”, afirmaba o Conselleiro. “Non podemos estar máis orgullosos do traballo feito e dos grandes fitos que conseguimos nun tempo récord”, afirmou Román Rodríguez.

Ribeira Sacra / foto locuigCC0

Un proceso “normal e habitual”

Afirmaba tamén que o Comité da Unesco “está endurecendo as súas medidas e é cada vez máis estrito e rigoroso dando prioridade ós países con menos bens declarados”, xustificaba. Lembraba que España é un dos tres países con máis bens recoñecidos pola Unesco, só por detrás de Italia e China, con 48 en total, dos que 13 foron declarados na última década.

O Concelleiro xustificaba tamén que a decisión estratéxica de pospoñer o último paso da candidatura é un trámite “normal e habitual nas candidaturas que compiten por ser declaradas Patrimonio da Humanidade”. Tamén que nos últimos anos optaron por esta mesma vía, é dicir, por adiar as súas propostas, candidaturas españolas como o Priorat de Tarragona e a Menorca Talayótica.

O noso horizonte continúa sendo o mesmo: que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial. Estou seguro de que estamos preto de conseguilo e por iso desde a Xunta non só manteremos os investimentos previstos, senón  que os incrementaremos para continuar poñendo en valor e garantindo a protección do conxunto deste territorio”, declaraba.

Paisxe da Ribeira Sacra / turismo.gal

Unha candidatura rodeada de polémica

E é que a  candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial debería estar a xogarse o seu futuro este verán en China. Unha candidatura que está a desenvolver a Xunta de Galicia coa colaboración do Goberno central. O proxecto que precisou da declaración como BIC do máis amplo conxunto ata o de agora declarado BIC na categoría de “paisaxe histórica” e dun investimento 4,5 millóns.

Porén esta candidatura foi tamén causa de importantes polémicas, dende os seus inicios en 2017. A máis sonada foi a denuncia por parte de dous investigadores do CSIC dunha limpeza con métodos prohibidos, presuntamente, no mosteiro por parte da Xunta. Sumábase tamén á outra polémica anterior, tamén neste mosteiro, polo proxecto de ampliación dunha estrada por parte da Deputación de Ourense. Ambas chegarían mesmo ós medios internacionais.

Porén, non foi a única. A instalación dunha tirolina, en pleno corazón dos canóns, as cortas indiscriminadas de árbores autóctonas centenarias en diferentes lugares da zona, como na concentración parcelaria de Castro Caldelas, en Parada do Sil ou ó mesmo pé do mosteiro de Santo Estevo. Tamén a posible venta por pedras dun convento, os grandes fallos na catalogación de BIC ou as históricas ameazas dos encoros ou da autoestrada A-76, foron polémicas que nos últimos anos ensombreceron a candidatura.

Pode que che interese...