fbpx
Castro da Croa de Postmarcos / foto Manuel Gago

Así emerxe na paisaxe un castro con só limpalo

Tempo de lectura: 2 min.

En Galicia o número de castros que salpican o noso territorio cóntase en milleiros. Porén son moi poucos, poucas decenas, os que se atopan baixo o amparo de algunha intervención arqueolóxica. O resto, unha inmensa maioría, case a totalidade deles, atópanse desaparecidos do territorio, ben arrasados por diferentes intervencións, ben cubertos de vexetación.

Especialmente poucos son os que non estando escavados atópanse visibles na paisaxe ou visitables, por atoparse limpos e en boas condicións. Mais, que acontece cando simplemente se limpa un castro? Esta é a resposta que nos da o castro da Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, recentemente mercado polo Concello e eliminado de vexetación. O resultado: simplemente emerxe na paisaxe, dominándoa.

Un pequeno xesto para facer emerxer un monumento

Así o pon de manifesto o xornalista e divulgar do patrimonio Manuel Gago. “A Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, comeza a emerxer do bosque. En canto limpas un castro, aparece un monumento”, sorprendía os pasados días nas redes sociais amosando o excepcional cambio na paisaxe coa simple limpeza do xacemento.

“Ocórrense poucos xeitos máis baratos de enriquecer os equipamentos culturais dun concello e enchelos de referencias monumentais que limpar os castros. Moito máis, desde logo, que as glorietas, os miradoiros que rebentan montes e as pistas que se fan para chegar a eles”, afirmaba o director de Culturagalega.gal. No mesmo post subía ás redes as excepcionais imaxes.

O compromiso unánime dun Concello

Porén, existe ademais unha realidade simbólica nestas imaxes: un pequeno pero moi importante compromiso por parte do Concello. Pois “en poucos días, en teoría, o concello da Pobra do Caramiñal finalizará a compra do castro, tras un acordo por unanimidade no pleno”. Unha compra que facilita moito a recuperación para a cidadanía do xacemento e mesmo a propia limpeza.

 

“Síntome orgulloso de ter participado e botado unha man no proceso para que a Pobra puidera adquirir este novo ben público, do que xa en breve, en xullo, poderán gozar os veciños por primeira vez”, afirmaba Gago. “Un lugar tan fermoso como este, no que hai tanto traballo por facer e recuperar”.

Importantes anacos da historia perdidos baixo a vexetación

Mais tamén, como tantos outros castros hoxe agochados pola vexetación e o esquecemento, este da Pobra agocha un excepcional pasado. Pois é castro “conectado cunha historia antiga, unha historia única”. Pois “preserva un nome que xa pertencía a este lugar hai máis de dous mil anos: os Celticos Praestamaricos”.

E é precisamente por isto polo que Gago, nun fío de Twitter, recolle, unha vez máis, os misterios deste xacemento. Unha historia que, como o propio divulgador afirma, irá saíndo á luz a medida que o castro xe vaia estudando. Porén, polo de agora ostenta o privilexio de converterse nun exemplo do pouco que se precisa para facer emerxer na paisaxe un monumento.

Pode que che interese...