fbpx
Emilia Pardo Bazán no Pazo de Liñares / foto Deputación de Pontevedra

Así volveu Emilia Pardo Bazán ó pazo que deu lugar á obra Los Pazos de Ulloa

Tempo de lectura: 3 min.

Ó lugar naceron moitas páxinas da súa obra: Los Pazos de Ulloa, o seu Pazo do recordo, o pazo de Liñares, en Lalín. Alí volveu a pasada fin de semana Emilia Pardo Bazán nunha peza teatral, programada pola Deputación con motivo dos actos cos que está a conmemorar o centenario do pasamento da escritora.

A visita teatralizada tivo lugar con capacidade reducida, por mor da pandemia, e coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde, Xosé Crespo. Silva presentou esta peza, a medio camiño entre o teatro e a promoción turística, definindo a Pardo Bazán como “unha muller feminista, rebelde e poderosa, co talento necesario para tocar todas as actividades do ser humano nun tempo no que todo era moi difícil”.

A representación estivo a cargo da compañía Fantoches Baj, responsables tamén do guión. Tivo a actriz Larraitz Urruzola no papel de Pardo Bazán e de Inacio Vilariño interpretando a Amalio Taboada, fillo da familia propietaria do pazo e íntimo amigo da escritora coruñesa. No acto, ademais de Silva e Crespo, estiveron tamén a deputada de Cultura, Victoria Alonso, e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco.

Emilia Pardo Bazán no Pazo de Liñares / foto Deputación de Pontevedra

O pazo de Los Pazos de Ulloa

A visita teatralizada foi concibida como un recurso distinto para dar a coñecer a importancia dun dos pazos máis fermosos de Galicia tanto pola súa historia, como pola súa arquitectura, incluíndo a heráldica e os xardíns. A obra mestura explicación destes aspectos coa vida cotián da familia Taboada e dos visitantes que por alí pasaban.

Liñares era, daquela, un auténtico foco de cultura ó redor da polígrafa coruñesa. “Era obrigado que tamén houbera actividades neste lugar marabilloso”, engadiu Silva en referencia á programación que a Deputación está  a levar a cabo na provincia por este centenario. Ademais destacou que, día a día, prográmanse máis actos no pazo de Liñares: “Estamos devolvéndolle a vida”, concluíu.

O pazo de Liñares data do século XVII e débese a Álvaro Núñez de Taboada. Estivo habitado ata o século XX e cobrou fama como epicentro de actividade cultural grazas a Emilia Pardo Bazán. No 2002 o Concello de Lalín adquiriu o pazo e posteriormente foi declarado pola Consellería de Cultura Ben de Interese Cultural. Na actualidade acolle o Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico da Cultura dos Castros da Deputación de Pontevedra e funciona como espazo sociocultural acollendo con frecuencia actividades programadas pola Deputación.

Emilia Pardo Bazán no Pazo de Liñares / foto Deputación de Pontevedra

O ‘Pazo do recordo’

A peza arranca na morte do propietario, Carlos Taboada e coa visita de Emilia para expresar o seu pésame, moi especialmente ó fillo, Amalio. As personaxes de Emilia e Amalio amosan ó público o pazo ó tempo que rememoran lembranzas, anécdotas e recreacións dalgúns dos seus contos. A peza teatral achega tamén unha pequena escena con monicreques baseada nun texto de Pardo Bazán.

A “trama” comeza no exterior, e céntrase en boa parte no “salón grande” do segundo andar, ademais do paso polo xardín. As estancias de Emilia Pardo Bazán en Liñares son ben coñecidas e a que se recrea na peza teatral dátase en 1908. A autora, que gardaba un estreito vínculo coa familia Taboada, escribiu: “En Liñares, o culto ó pasado é tan reverente, que eu, na miña xeografía novelesca, chamei a esta casa, á vez tan hospitalaria, tan patriarcal e tan distinguida, ‘Pazo do recordo´”.

Pazo de Liñares / foto Consellería de Cultura

Pode que che interese...