fbpx
Imaxe do Parque do Pasatempo de compezos do século XX / foto Deputación da Coruña

Betanzos aproba as primeiras intervencións urxentes para intentar salvar o Pasatempo

Tempo de lectura: 2 min.

Con carácter urxente. Así veñen de aprobarse, por parte do Concello de Betanzos, os traballos de apuntalamento do muro de Arxentina do parque do Pasatempo. Os traballos forman parte das actuacións de urxencia que vai facer o Concello e que inclúen tanto zonas exteriores como a fonte da Primavera como obras no Estanque do Retiro. A intervención conta co visto e prace de Patrimonio.

E é que o Concello proxecta esta intervención de urxencia no muro de Arxentina ó achar importantes anomalías nun dos seus tramos. Nel se aprécianse varias fendas, un certo abombamento e o descendemento dalgúns centímetros da cornixa do tramo. Apréciase tamén a presenza de humidade nun treito do muro de uns 5 m, que pode verse na cor máis escura deste tramo en comparación co resto do muro.

Un dos muros que sostén os túneles

Ademais o tramo onde están estas anomalías ou evidencias coincide coa presenza de un dos túneles que pasan polo subsolo, a uns 3 m de profundidade, en dirección vertical ó muro, e que conducen abundante auga nas estacións de inverno e primavera. Tamén coincide cunha quenlla de recollida de augas superficiais colocada recentemente na terceira terraza.

Derrubamento do Templete do Estanque no Parque do Pasatempo no ano 2017 / foto Concello de Betanzos

A auga en movemento, presente superficialmente, ou quenlla, a todo o alto do muro coa drenaxe natural, e próximo ós alicerces do túnel pode ser a culpable destas anomalías detectadas no muro, que están afectando á súa capacidade de resistencia. Polo que se sabe este tipo de muros están construídos simplemente con terra e barro, e dispoñen duns pequenos ocos para deixar que drene a auga do terreo.

Isto evidencia que algo non está funcionando ben nese tramo concreto do muro, que conta xa con 100 anos dende a súa construción. Así, o que se propón como medida de urxencia é o apuntalamento do muro nunha lonxitude de 8 m cun sistema deseñado “ad hoc”. A colocación deste apuntalamento é fundamentalmente de prevención, como primeiro paso para a reparación definitiva e posterior restauración dos baixorrelevos policromados.

Programadas varias obras, tamén urxentes

Ademais desta intervención no muro estanse preparando os proxectos para resolver varias obras tamén de urxencia no parque do Pasatempo, por solicitude do Concello de Betanzos. Estas obras serán presentados á delegación de Patrimonio nun prazo breve e agardase que sexan contestadas coa maior celeridade para poder intervir o antes posible.

Unha desas obras será a reparación deste tramo do muro de Arxentina, para o que o apuntalamento agora colocado como prevención será fundamental para asegurar a estabilidade do muro durante a súa restauración. Pero tamén se incluirán outras intervencións en zonas exteriores no mesmo parque como a fonte da Primavera ou obras no Estanque do Retiro.

Pode que che interese...