fbpx
Lomba do Mouro / remitida

Confirman os misterios de Lomba do Mouro: o campamento romano máis grande e antigo de Galicia e Portugal

Tempo de lectura: 4 min.

O campamento romano de Lombra do Mouro (Verea, Ourense – Melgaço, Portugal) non só é o recinto fortificado militar romano máis grande de Galicia e o norte de Portugal, senón tamén o máis antigo. Foi levantado durante o desprazamento dun enorme continxente de tropas romanas -de aproximadamente 10.000 soldados- que atravesaba a serra do Leboreiro e que o ergueron como fortificación temporal. Así o sinalan as datacións absolutas do momento fundacional das murallas do recinto, obtidas coa técnica da datación por luminiscencia ópticamente estimulada (OSL), e que sitúan a edificación das dúas liñas da muralla probablemente ao redor do século II a.C.

Isto converte a Lomba do Mouro no campamento máis antigo identificado cientificamente ata o momento en Galicia e norte de Portugal e pode conectar a súa construción coas primeiras campañas militares romanas en Gallaecia, segundo narran os historiadores romanos. As análises foron realizadas polo grupo de investigación C2TN (Center for Nuclear Sciences and Technologies) do Instituto Superior Técnico da Universidade de Lisboa.

Cun tamaño superior ás 20 hectáreas, Lomba do Mouro foi descuberto a través do uso das novas tecnoloxías de análise do territorio por parte do colectivo de investigación romanarmy.eu e foi obxecto dunha intervención arqueolóxica en setembro de 2020. A campaña estivo liderada polo arqueólogo da Universidade de Exeter João Fonte como parte do proxecto europeo Finisterrae financiado pola Comisión Europea a través dunha bolsa individual Marie Skłodowska-Curie (grant agreement 794048).

Último mapa con todos os posibles campamentos romanos en Galicia, Asturias e Cantabria

O campamento máis antigo

Segundo apuntan os investigadores nun comunicado, a campaña arqueolóxica confirmou a existencia de dúas liñas de muralla de pedra que puideron ser ben caracterizadas, incluíndo elementos defensivos singulares, como as ‘pedras fincadas’ ou ‘cabalos de frisia’, un sistema para deter o avance da cabaleiría ou as tropas do exército inimigo. Foi durante esta campaña cando puideron ser obtidas mostras de sedimentos que podían ser analizados. A través da luminiscencia, pode datarse o último momento no que os cristais de cuarzo estiveron expostos á luz solar e, polo tanto, o momento no que foron soterrados baixo unha estrutura. A media das datacións permitiu aos investigadores obter o dato fundacional do século II a.C.

Aínda que nos últimos anos romanarmy.eu ten localizados numerosos campamentos militares no noroeste peninsular, a súa datación é moi complexa. Debido a que son recintos de campaña, atópanse neles moi poucas evidencias materiais ou orgánicas que permitan obter unha datación con validez científica. Ata o momento, o campamento romano máis antigo datado -tamén excavado por romanarmy.eu- era o de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense), no que puideron ser localizadas moedas que vinculaban ese recinto coas campañas bélicas coñecidas como as Guerras Cántabras (29 a.C.-19 a.C.), coas que o emperador Octavio Augusto finalizou o proceso de conquista de Hispania. Lomba do Mouro foi construído cen anos antes que Penedo dos Lobos.

Un relato épico da conquista

As datacións de Lomba do Mouro sitúan o xacemento nun contexto histórico coñecido polas fontes clásicas: a crecente presión de Roma sobre o noroeste peninsular e o primeiro avance das súas lexións para someter o territorio dos galaicos. Deste contexto de confrontación, o episodio máis coñecido é a campaña levada a cabo no 137 a.C. polo cónsul romano Décimo Xuño Bruto, que se internou con dúas lexións en Gallaecia, cruzando os ríos Douro e Limia e alcanzando o Miño. Foi no río Limia onde as fontes clásicas narran o lexendario episodio do Río do Esquecemento. As dúas datacións absolutas da muralla, xunto coas grandes dimensións do recinto, apoian a hipótese de que o campamento puido ser levantado por un continxente vinculado a estes momentos, aínda que debido ao grao de incerteza das datacións é difícil facer por ahora unha asociación directa co episodio de Decimo Xuño Bruto. Polo seu éxito na campaña militar, Décimo Xuño Bruto foi coñecido como O Galaico.

Mapa do recinto do campamento romano de Lomba do Mouro (sinalado con flechas blancas)/ romanarmy.eu

Un documental sobre os achados do Gerês/Xurés

romanarmy.eu produciu un documental que explica as novas descubertas e que pode ser visto na canle de Youtube do colectivo de investigación.  https://www.youtube.com/channel/UCpPG7vsTY5lpghKHcxXoRFg. O documental está producido para un público internacional, en inglés, e conta con subtítulos en galego, castelán e portugués. A partir do mércores 2 de xuño ás 09.00 h.

Traballos na parte portuguesa do sitio arqueolóxico

Lomba do Mouro está localizado no Planalto de Castro Laboreiro, nunha zona de especial concentración de túmulos megalíticos. Foi descuberto a través da análise de datos LiDAR cedidos polo IGN-PNOA e ocupa máis de vinte hectáreas de terreo, contando com dúas liñas defensivas. A só oito quilómetros en liña recta, romanarmy localizou tamén outro sitio militar de carácter temporal de dimensións similares: Chaira da Maza, no concello ourensán de Lobeira, o cal leva a trazar a hipótese de que se trate dunha liña de avance romana.

Os arqueólogos traballaron exclusivamente na parte portuguesa do xacemento. Está financiado polo Fundo Ambiental Fundo Ambiental (Ministério do Ambiente, Governo dePortugal), polo Município de Melgaço e polo Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas, I.P. (ICNF), no contexto da posta en valor da rede de sendeiros do Planalto de Castro Laboreiro. O traballo de campo foi realizado em colaboración directa coa empresa Era-Arqueologia.

O traballo conta coa colaboración dos veciños da comarca, a través da União das Freguesias de Castro Laboreiro e Lamas de Mouro e do Conselho Directivo dos Baldios da Freguesia de Castro Laboreiro, sendo estes últimos os propietarios dos terreos.

Romanarmy.eu, un colectivo de investigación arqueolóxica

Romanarmy.eu é un colectivo científico que investiga a presenza militar romana no Noroeste da Península Ibérica, conformado por investigadores de distintas universidades e centros de investigación europeos, diferentes disciplinas e especialistas en varias épocas históricas. Pódense consultar as súas publicacións, membros e actividades en romanarmy.eu.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: